> Vila de Cruces|Maio 2026
> Redacción
Este mes de maio deron comezo en Vila de Cruces as obras de mellora viaria nas rúas Neira Vilas, Travesía Vázquez 5 e parte da rúa Sergio Iglesias. O alcalde, Luís Taboada, fixo un seguimento do comezo destes traballos moi demandados pola veciñanza do casco urbano de Vila de Cruces, que completan as actuacións que o goberno de Taboada está a acometer en puntos de todo o casco urbano concello. Desde o goberno local tamén explicaron que teñen en marcha un plan con medidas especiais para que as necesarias obras de mellora viarias convivan e garantan a mobilidade prevista os vindeiros 30 e 31 de maio pola celebración da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces.
O rexedor municipal tamén estivo este mes na zona de cesión do entronque entre as rúas Sergio Iglesias e Neira Vilas, nas que o concello de Vila de Cruces acomete estas actuacións de mellora viaria e estuda os proxectos para a súa humanización e posta en valor para que esta zona da vila responda ás demandas da veciñanza e mellore o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.
Humanización das rúas
En redes sociais, o Concello de Vila de Cruces explicou á veciñanza que nesta humanización das rúas da vila “as actuacións planifícanse en función de criterios técnicos e das necesidades detectadas en cada zona, polo que non sempre seguen unha orde correlativa entre rúas próximas”. O obxectivo, segundo sinalan desde o goberno de Luís Taboada, é “continuar mellorando os distintos espazos públicos, tanto na vila como nas parroquias”.
Estas actuacións viarias no casco urbano e nas parroquias cruceñas obedecen a un programa de melloras viarias posto en marcha desde o goberno municipal, que o Concello está a acometer logo de varias xestións con outras administracións para os proxectos precisos no concello e o financiamento preciso para a súa posta en marcha. Desde o goberno local afirman que o desenvolvemento dos traballo está en marcha, xunto con melloras noutros espazos do municipio demandadas pola veciñanza.
> Redacción
O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, demanda á Xunta de Galicia a revisión e mellora de varios tramos da estrada PO-204 que conecta Vila de Cruces coa Bandeira, no veciño concello de Silleda. O rexedor cruceño acompañado polo concelleiro de Obras, Juan Carlos Rodríguez, visitou este mesmo mes de maio o trazado deste vial e mantivo un encontro coa veciñanza da parroquia cruceña de Sabrexo. No encontro, veciñas e veciños trasladaron ao rexedor as súas queixas polo mal estado do firme nesta vía.
Taboada amosou as súas críticas polo feito de que mentres algúns tramos deste vial PO-204 están en bo estado, outros presentan un maior nivel de desgaste e teñen na actualidade unha capa de rodadura “moi deteriorada”. O rexedor cruceño advertiu da afectación á seguridade viaria na zona.
Diante desta situación Taboada demanda á Xunta de Galicia que “actúe canto antes” e execute “no prazo máis breve posible” as obras de mellora precisas para os tramos do vial que actualmente están en peor estado. Durante esta visita á zona e a reunión coa veciñanza de Sabrexo, o alcalde lembrou que o pasado mes de novembro de 2024 o pleno de Vila de Cruces xa aprobou unha iniciativa demandando a renovación da capa de rodadura deste vial.
Desde entón, e diante da inacción da Xunta de Galicia, Taboada advirte que o deterioro deste tramo do vial foi a máis e de xeito “considerable” nos últimos meses a causa das fortes choivas e os temporais dos primeiros meses do ano, que aceleraron os problemas xunto co intenso volume de tráfico que soporta esta estrada.
Maquinaria da Mancomunidade
Tamén neste mes de maio o alcalde de Vila de Cruces visitou as actuacións de acondicionamento e limpeza viaria realizadas coa maquinaria da Mancomunidade Terras de Deza en Vila de Cruces, uns medios que permiten reforzar as tarefas de mantemento e mellora da rede viaria nas distintas parroquias do concello que precisan deste tipo de intervencións. Taboada destacou a importancia de contar con este tipo de medios compartidos, que permiten actuar dunha maneira máis áxil e eficiente en distintas zonas do municipio.