> Se ti vira-lo que eu vin |Maio 2026

Encerra ao fillo da empregada para que esta traballe

Aínda que pareza anacrónico e pouco correcto nos tempos en que nos atopamos, aínda queda xente que pensa que é dona do obreiro e dos destinos da súa vida, por uns cantos euros.

Resulta que nun establecemento da comarca “de cuxo nome non quero acordarme” existe un empresario, por chamarlle dalgunha maneira, que contratou unha muller para o seu establecemento hostaleiro, para que lle fixera determinadas tarefas propias da hostalaría, e a muller cumpría rigorosamente co seu traballo pero ás veces levaba un meniño consigo porque non tiña a quen deixalo mentres facía a súa xornada laboral. Pero o hostaleiro advertiulle que non podía levar ao rapaz para o establecemento, senón tería que botala, pero a muller cando non tiña outro remedio levábao e o hostaleiro poñíase moi cabreado.

Un día, sen pensalo, colleu ao rapaz e levouno para a súa casa e encerrouno alí ata que concluíu a xornada laboral da súa nai. O tema deu en tirapuxas entre a nai e o empresario e a cousa non acabou ben, posto que a nai non estaba dacordo en que o seu fillo estivera pechado durante tanto tempo mentres ela traballaba. Pero como o hostaleiro non quería ao rapaz no local, a nai tivo que terminar por ceder e deixar o traballo porque a situación estaba insostible.

As cousas da vida, ás veces teñen máis matices e son máis complexas do que nos pode parecer, e cada quen ten que aterse as súas circunstancias persoais aínda que lle pese, e máis diante da incomprensión dos que nos rodean que non se poñen no noso lugar. 

Pon a radio no porral e cómella o xabaril

Xa sabemos polo que nos contan os nosos informantes, de que nestes tempos de tanta bichería é difícil conseguir os froitos da terra sen que antes chos presine unha ave, un xabaril ou calquera outro bicho que anda ao acocho arredor das nosas colleitas.

E con todo ese panorama de risco, tamén os nosos labregos e horticultores buscan xeitos enxeñosos para tratar de combater aos inimigos que nos atacan. Pois entre outras moitas trampas que se enxeñan, un veciño da comarca, onde xa o xabaril lle presinou as pacas de cedo que botara na horta con todo o esmero, ocorréuselle poñerlle un transistor a bastante volume, acendido toda a noite, para ver se así desistía o porco de visitar o seu porral.

Nun principio a veciñanza pensou que había novos veciños na zona, logo pensaron se alguén andaba de noite falando polos camiños da aldea, ata que caeron na conta da radio da horta que ao parecer algo lle fixo para asustar ao posible ladrón de pacas e plantas varias que se atopaban no porral. Pero o que nun principio parecía unha solución perfecta, converteuse nun fracaso, pois un día pola maña cando o noso protagonista foi inspeccionar o porral, encontrou a radio medio roída polo xabaril e algún que outro desperfecto na zona, polo que de agora en diante terá que artellar outro artiluxio que funcione como distorsionante, senón non vai poder conseguir os froitos da horta como pretendía. 

Vai por un bolo de herba e chega á granxa sen nada

Está claro que cos cambios bruscos de profesión, non é bo para o funcionamento dos oficios que se pretenden impulsar de novo. Iso mesmo debeu de ser o que lle pasou ao noso protagonista, que veuse de pronto involucrado no oficio de labrego-gandeiro, e tivo que facer unha adaptación veloz que non lle resulta moi eficiente, porque moitas das actividades que pretende levar a cabo quedan a medias por falla de experiencia ou por despiste.

Unha cousa é ver traballar e outra moi distinta e poñerse ao choio para que saia como está previsto e que a actividade ande para diante.Pois, nun deste avatares que lle sucederon, nun día destes que colleu o tractor e arrancouno a buscar un bolo de herba para darllo ás vacas na cuadra pola noite, a cousa ía ben, posto que levou o gancho pertinente e chegou ao prado onde estaban os bolos todos e enganchouno concienzudamente coa idea de que non se ía soltar por moito camiño que houbera que recorrer, pero as cousas ás veces non saen como un se propón, e todo falla.

Resulta que polo camiño había algún saltiño que outro e el tampouco é dos que vai axeito, pois unha vez enganchado o bolo tira para diante e ata chegar a casa non parou nin mirou para atrás haber se traía o bolo ou viña sen el.

Efectivamente, o bolo veuse desfacendo polo camiño e ao chegar á granxa so viña o gancho remangado, a herba quedara esparexida ao longo do traxecto entre o prado e o cortello, para decepción e sorpresa do novo agricultor que non lle quedou outro remedio que voltar por onde viñera e coller no prado outro bolo para que as vacas comeran esa noite, como acostuman a facer. Ás veces non todo é como parece e as cousas pásanlle ata ao máis avispado da familia. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es