> Agolada|Maio 2026

Imaxes de Agolada de Tom van Vliet incorpóranse aos fondos do Museo do Pobo Galego

O fotógrafo holandés volveu este mes a Agolada, onde fixo as fotografías entre 1978 e 1984

> Redacción

O Museo do Pobo Galego e o fotógrafo holandés Ton van Vliet formalizaron este mes de maio o acordo de cesión da súa colección fotográfica, que pasa a formar parte dos fondos da institución. Trátase dun conxunto de imaxes realizadas en Agolada entre 1978 e 1984, un período clave no que Galicia comezaba a recuperarse de catro décadas de ditadura.

A doazón inclúe a totalidade dos negativos e diapositivas orixinais captados por van Vliet durante a súa estadía en Galicia, así como as diapositivas de Jeroen Hoogakker, fotógrafo que o acompañou nas súas dúas primeiras viaxes a terras galegas. En total, uns 2.000 negativos, unhas 150 diapositivas e 40 copias fotográficas, que conforman un fondo de gran valor documental sobre a vida cotiá, os espazos de sociabilidade e os modos de vida dunha contorna rural en transformación.

 

En palabras da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, “é un auténtico orgullo para esta institución recibir este traballo fotográfico artístico tan singular”. Pola súa banda, o propio van Vliet destacou que “este é o mellor sitio” para albergar o material.

O tamén fotógrafo Eutropio Rodríguez, quen actuou como intermediario na cesión, subliñou a vontade do autor de depositar o seu traballo nunha institución galega e amosouse “moi contento” de que sexa finalmente o Museo do Pobo Galego.

 

No acto de sinatura participou tamén Manuel Busto, veciño da Agolada e coñecedor do contexto e das historias persoais que hai detrás de cada unha das fotografías. “Daquela vin que a mirada de Ton van Vliet era moi diferente da nosa. Chamábanlle a atención a xente traballando coas vacas, a asistencia á igrexa, as festas ou os labores do campo… pero agora tamén me decato de que lle interesaban, ademais, as paisaxes”, sinalou.

 

Unha ollada externa á Galicia rural

A primeira visita de Ton van Vliet (Terborg, Holanda, 1956) a Galicia produciuse en 1978, cando, sendo aínda moi novo, chegou case por casualidade a Agolada, tras ver un artigo nunha revista sobre Galicia. Atraído polo interese por coñecer unha realidade distinta, iniciou desde entón unha serie de viaxes á comarca do Deza, nas que a súa relación coa veciñanza e a súa ollada atenta permitíronlle construír un retrato próximo e respectuoso da vida diaria, desde escenas en tabernas e reunións sociais ata momentos familiares e labores cotiáns. 

O Concello de Agolada celebra o III Circuíto de Artes Escénicas da Deputación de Pontevedra

O programa levará 138 funcións de teatro e danza aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

> Redacción

A concelleira de Cultura de Agolada, Concepción Carballal, asistiu este mes de maio no Pazo Provincial de Pontevedra á presentación da III edición do Circuíto de Artes Escénicas “+Escénicas”, promovido pola Deputación de Pontevedra e que nesta edición levará 138 funcións teatrais e de danza aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Carballal, que tivo durante o acto un breve encontro co presidente provincial, Luís López, “agradeceu” esta iniciativa posta en marcha desde a institución provincial porque “facilita aos concellos pequenos desfrutar de espectáculos variados e de interese cultural”. O Concello de Agolada formará parte da programación de “+Escénicas”, e agarda xa a programación cultural coa que contará dentro do programa provincial. Precisamente neste mes de maio, o día 30 está programado o Concerto de Primavera no auditorio municipal, un evento que organiza o Concello e que nesta edición conta coa participación das Corais Polifónicas de Melide, Caldas de Reis e Agolada.

 

Ruta cabalar de Artoño

O Concello de Agolada acolleu tamén este mes de maio a presentación do programa de actividades da V Ruta Cabalar de Artoño, que terá lugar o vindeiro 27 de xuño. A parroquia de Artoño está preparada para a recepción dos participantes e no programa deste ano non faltará a gastronomía, a música e as rutas na natureza para os asistentes.

 

Recibidos os cabalos e xinetes participantes, desfrutarán dunha ruta deseñada pola organización, con parada aviatuallamento e cea de amizade para os asistentes, con verbena, sorteos e sorpresas. Este ano a música do encontro cabalar correrá a cargo dos dúos Trasnos e Hora Bruja e de DJ Bais 7 “até que o corpo aguante”. Desde a organización, que presentaron co alcalde Óscar Val o cartel do encontro deste ano, agardan unha grande asistencia a este evento, que nas súas edicións anteriores se ten consolidado como unha das grandes citas dos afecccionados ao cabalo en toda a Comarca do Deza.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es