> Vila de Cruces| Outubro 2021
Redacción
O escritor e editor de “O Periódico Lalín e Comarca”, Manuel Fiuza, vén de estrearse co seu primeiro libro publicado “Cando fun paxaro”. O pasado 1 de outubro, un abarrotado auditorio Xosé Casal en Vila de Cruces acollía a premier da que é ópera prima do autor de Oirós. O libro ten ademais o valor engadido de contar coas ilustracións do artista dezao José Antonio Fondevila e está prologado por Uxío Grande. Edicións Fervenza sacou ao mercado os primeiros 1.500 exemplares da obra.
O acto de presentación do libro correu a cargo da concelleira Beatríz Iglesias e contou coa participación, ademais do propio autor e Fondevila, do concelleiro cruceño de Cultura, Julio López e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O autor explicou que esta historia é “un pequeno canto á liberdade”. O libro narra a historia dun paxaro que se convirte en rapaz “fala dun tempo pasado e ten unha parte vivencial e tintes biográficos”, segundo explicou Fiuza.
Ademais, “Cando fun paxaro” está especialmente vencellado á Comarca do Deza, á Galicia rural, “ten moito de matices da paisaxe, a natureza e o rural”, explicou o autor. De feito recoñeceu que a historia levaba moito tempo escrita ata que se animou a publicala. O libro está adicado aos seus pais, Luisa e Manuel, e ao seu cuñado Moncho, todos finados recentemente.
Próximas publicacións
Manuel Núñez Fiuza ironizou no acto de presentación co tardío da súa estrea literaria, “xa teño idade de que me deran o Nóbel”, pero bromas aparte, avanzou que logo de comenzar a súa andaina literaria ten xa en carteira máis obras para publicar. De feito, mesmo asegurou que a súa próxima edición será un libro de poesía, “que é o meu”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística loubou a traxectoria profesional do autor, e a calidade desta súa primeira obra publicada, que asegurou estará en todos os centros docentes da Xunta e nos centros galegos no exterior “onde estou seguro de que será todo un éxito entre os lectores”, dixo Valentín García.Taboada.