> Silleda |Xuño 2026

O Concello de Silleda aborda coa veciñanza de Pedrouzo o proxecto de mellora do lugar

O investimento global da intervención ascende a máis de 259.000 euros

> Redacción

O goberno municipal de Silleda mantivo a finais de xuño un encontro coa veciñanza de Pedrouzo, na parroquia de Graba, para abordar o proxecto de mellora viaria previsto neste lugar, unha actuación que permitirá acondicionar dous ramais do núcleo e mellorar a seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade destes camiños municipais.

 

Na reunión, na que participou a alcaldesa, Paula Fernández, acompañada polos integrantes do goberno municipal, explicáronse os principais detalles da intervención prevista, así como o alcance dos traballos e as solucións propostas para estes viarios.

 

A actuación en Pedrouzo forma parte do proxecto de mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, cun investimento global de 259.561,26 euros, IVE incluído. O proxecto, que está xa en fase de licitación, contempla intervencións en distintos puntos do municipio, concretamente nos núcleos de Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña; e Camporrapado e A Revolta, en Cortegada. No caso de Pedrouzo, a obra permitirá actuar en dous ramais do lugar, mellorando o estado actual da capa de rodadura. Segundo se recolle no proxecto técnico, os viarios presentan un deterioro importante do firme, agravado nalgúns tramos polas deficiencias no drenaxe e polo uso continuado destes camiños, tanto por parte da veciñanza como de vehículos agrícolas, gandeiros e de servizo ás explotacións da contorna.

 

Melloras na zona

Os traballos previstos inclúen a mellora do firme existente, a limpeza de cunetas para favorecer a evacuación das augas pluviais e, nun dos ramais, a execución de pavimento de formigón armado, co obxectivo de reforzar a durabilidade da actuación e adaptala ás características do camiño.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que este tipo de actuacións “son fundamentais para garantir unhas comunicacións axeitadas no rural, especialmente en lugares nos que os camiños teñen un uso diario por parte da veciñanza e tamén unha importancia directa para a actividade agrogandeira”. 

Máis de 150 nenos e nenas participan este verán no campamento do programa Concilia Silleda

O servizo préstase en Silleda e A Bandeira e continuará ata a véspera do inicio do curso escolar

> Redacción

 

O Concello de Silleda puxo en marcha o pasado mes de xuño unha nova edición do campamento de verán do programa Concilia Silleda, unha iniciativa municipal destinada a favorecer a conciliación das familias durante as vacacións escolares e que este ano beneficiará a máis de 150 nenos e nenas do municipio en total (se ben en cada quenda o número de prazas se limita a 100 prazas en total).

 

O servizo préstase nas localidades de Silleda e A Bandeira, dando así cobertura ás familias usuarias nas dúas principais vilas do municipio. O campamento manterase activo durante todo o verán, ata a véspera do inicio do novo curso escolar, coincidindo co período non lectivo.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño, visitaron os campamentos tanto en Silleda como na Bandeira. Durante a visita, ambas entregaron gorras e mochilas aos nenos e nenas participantes.

 

O campamento conta con servizo en horario de mañá e tarde. A quenda de mañá desenvólvese de 9:00 a 14:00 horas, mentres que a de tarde funciona de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres. Esta ampla cobertura horaria permite adaptar mellor o servizo ás necesidades laborais e familiares, ofrecendo ás crianzas un espazo seguro, educativo e lúdico durante os meses de verán.

 

Apoio integral ás familias

Ademais das actividades propias do campamento, o programa mantén a coordinación con outras propostas municipais e deportivas. Ao igual que acontece durante o curso escolar, as persoas monitoras encárganse de acompañar e trasladar aos nenos e nenas ás actividades deportivas e culturais nas que participan, mentres estas continúen activas, así como a outras iniciativas programadas durante o verán, como campus deportivos ou cursos de natación nas piscinas.

 

Deste xeito, o campamento de verán de Concilia Silleda funciona tamén como un servizo de apoio integral ás familias, facilitando que a rapazada poida participar en distintas actividades sen que iso supoña unha dificultade engadida para a organización familiar.

Na quenda de tarde, os grupos acoden as piscinas acompañadas do persoal monitor. 

A Festa do Lacón de Silleda celebrará a súa 26 edición o vindeiro venres 10 de xullo

O cartaz deste ano rende homenaxe aos 50 anos da SD Silleda

> Redacción

A Festa do Lacón voltará a Silleda o ía 10 de xullo, xornada festiva local no municipio, poñendo sabor ás festas de verán da localidade que arrancarán o día anterior. A Asociación Cultural O Lacón deu a coñecer o cartel da cita que seguindo ca liña temática dos últimos anos, nesta ocasión rende homenaxe aos 50 anos do club de fútbol da vila, a SD Silleda, cun cartel deseñado por Ángel Llorente, membro da directiva.

 

A Asociación Cultural O Lacón rendeu homenaxe ás panaderías que levan asado centos de lacóns durante estes anos para a celebración. “Non hai palabras para agradecer o voso apoio e traballo”, sinalou dende a entidade organizador Luis González Abal.

 

O presidente da entidade, Arturo López, e a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, entregaron senllas placas de agradecemento a Manuel Bouzada (panadería Bouzada) e Luis Mella e Alicia Villamayor (de Panadería Luis Mella). Tamén agradeceron a colaboración de institución e empresas, nun acto especialmente emotivo para antigos membros da entidade que deixan a asociación, como José Manuel Crespo, e para colaboradores e fundadores da celebración xa falecidos como Ricardo Troitiño, José Mella, Isabel de Callobre, José Somoza, e Alfredo Ramos “Tolino”.

 

Programa da xornada e venda de lotes

A 26 Festa do Lacón, comezará cunha degustación popular e a actuación do grupo de música e baile tradicional Aires de Trasdeza, do Colexio María Inmaculada, e do grupo de Gaitas e de Acordeóns da Escola de Música, así como a animación nas rúas da charanga Os Atrevidos. Pola tarde na praza Juan Salgueiro actuará a Banda de Música Xuvenil de Silleda, como preludio da cea as 22:00 h. na que se agardan 1.500 persoas.

 

Na presentación, á que tamén asistiron representantes de toda a corporación, da Banda de Música de Silleda, e da SD Silleda e a Escola de Fútbol, tamén se anunciou a posta á venda inminente das entradas para asistir á cea. Para a ocasión prepararanse 300 pezas de lacón, das que 200 serán asadas e 100 cocidas. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es