> Deputación |Maio 2026
> Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar neste mes de maio diante de alcaldes e alcaldesas da provincia un novo programa extraordinario de investimentos do organismo provincial deseñado especificamente para cubrir unha parte do financiamento de proxectos dos concellos conseguiron financiamento de fondos europeos. O Plan Espazo Depo está dotado con 20 millóns de euros e beneficiará a un total de 18 concellos: Vilagarcía de Arousa, Redondela, Lalín, Marín, O Porriño, A Estrada, Ponteareas e as unións e áreas funcionais dos municipios de Nigrán, Gondomar e Baiona; Tomiño e O Rosal; Tui e Salvaterra de Miño; e Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures e Catoira.
Axudas de máis de 1 millón
Segundo explicou López no encontro cos alcaldes beneficiados, entre os que está o concello de Lalín e contou o acto coa presencia de José Crespo, este Espazo DEPO “aforrará 20 millóns de euros a estes 18 concellos para que poidan financiar as obras, humanizacións e outras transformacións no marco dos fondos Feder”. Esta liña extraordinaria de axudas provinciais establece que os concellos beneficiarios recibirán de mans do organismo provincial cantidades que oscilan entre os 1,3 millóns de euros e os 2,2 millóns de euros. Con estes recursos levaranse a cabo iniciativas relacionadas coa rehabilitación urbana, a mobilidade sustentable, a eficiencia enerxética, a xestión da auga e dos residuos ou solucións tecnolóxicas para os concellos.
> Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en maio a posta en marcha dunha nova liña de axudas, dotada con 200.000 euros para que asociacións de veciños e de mulleres rurais poidan adquirir bens para organizar actividades e prestar diferentes tipos de servizos. “O noso tecido asociativo veciñal é fundamental para manter vivos os pobos, dinamizar a vida social e fortalecer
a convivencia, e por iso queremos apoiar con feitos”, asegurou López.
Segundo detallou, esta nova liña axudará a financiar obradoiros ou accións formativas que promovan a aprendizaxe práctica e a adquisición de coñecementos de interese social e comunitario, actividades de promoción da saúde ou do benestar, cursos de primeiros auxilios e riscos domésticos, actuacións de sensibilización ou dinamización comunitaria en materia de igualdade, medio ambiente, participación cidadá ou memoria colectiva, e actividades interxeracionais.
Requisitos
Todas deben ser abertas á participación da veciñanza, desenvolverse na provincia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026 e ter carácter social, participativo, cultural ou de dinamización comunitaria A nova convocatoria estrutúrase en dúas liñas de financiamento. A primeira estará destinada á adquisición de bens funxibles e material necesario para o desenvolvemento das actividades, mentres que a segunda permitirá financiar servizos externos vinculados á organización e execución dos eventos, como honorarios de profesionais, servizos técnicos ou alugueiro de espazos e equipamento. O importe máximo das axudas será de 1.000 euros por solicitude.