A bandeira da retórica

> Manuel N. Fiuza

Neste santo mundo de hipócritas está de moda teorizar sobre calquera tema que apareza polo horizonte e encima tratar de profundizar sobre el.

Está claro que o fume e a palla dos teóricos non custa nada nin tampouco implica ningún compromiso, por iso esta sociedade, a que nos tocou vivir, está chea de expertos e contaxiada de teorías as máis delas falsas ou faltas de todo fundamento real. Esta farándula de alquimistas enche unha realidade errónea de toda lóxica, sen embargo, sempre ten unha pequena corte de seguidores que alimentan esa paxarada que non leva a ningures.

 

É triste estar instalados na falsidade das cousas e crer coma Don Quixote que todo son muíños e ventos, sen decatarse das paisaxes e das xentes que poboan este mundo. Sabemos que eses ventos de realidade móvenos fíos sinxelos, e tamén que todo é conducido segundo os intereses duns poucos e que os máis tontos son os que dirixen as masas máis acérrimas e cegas, cegas de instrución e de dirección. En definitiva, que o mundo é unha mentira, e con todo seguimos apostando polos guías náufragos, polos que máis barullan e polos aguzados poderes fáticos que son os que nos manexan e que nunca aparecen. A bandeirada retórica escóndese detrás de escaparates de colores de culturetas visionarios, de economistas interesados, de comerciantes de pouco pelo, de políticos pinocho, de salvadores de patrias, de inventores de causas transcendentais, de fanáticos incondicionais, de vendedores de fume e de alquimistas titulados que buscan erroneamente a pedra filosofal.

 

En conclusión, temos unha caterva de inútiles que nos guían cara o paraíso e nós quietos, pámpanos cara o vento do norte. É lamentable pensar que teríamos que partir de cero para construír unha sociedade normal e adaptada aos tempos que corren, onde as metas sexan outras, os listos sexan outros, os obxectivos sexan mellores e a verdade e a xustiza estean máis próximas á realidade, do contrario a falsidade acabará enterrándonos a todos na miseria e desnaturalizando unha sociedade que podía ter sido a avanzadilla do ceo. 

Somos maiores, non idiotas

> Ángel Utrera (Veciño de Agolada)

De novo a realidade supera a ficción e logo de que hai ben pouco tiveramos que apeitugar cunha das maiores crises que este País ten soportado e aínda soporta, coma foi a do sistema financeiro -co famoso rescate bancario, do Estado, que somos nós todos-, pois logo daquela na que se lles deu unha chea de cartos a título de non sei que, e libre de po e palla, e que ninguén xamais devolveu, comezaron unha desenfreada carreira polas fusións e os peches das oficinas bancarias que segundo eles non aportaban rendibilidade ao negocio. A Galicia baleira sabe ben do que estamos a falar, porque o número de pobos e vilas que perderon oficinas bancarias, ou quedaron sen ningunha, é unha historia para chorar.

 

Hai tempo que non teño a máis mínima dúbida de que a sociedade camiña por un lado e os políticos por outro. Estou a falar deses deputados ben apoltronados nas súas bancadas que día a día dan un exemplo que de ningunha maneira debemos imitar, e que mesmo trabúcanse torpemente e fan o contrario do único que teñen a obriga de facer, que é votar si ou non premendo un botón segundo as consignas do seu grupo político.

 

Desde daquela non escoitei a ningún representante político falar da tropelía que se estaba a consentir: reducións de plantillas, eliminación de postos de traballo, locais baleiros, etc., de sobra son coñecidas as consecuencias de todo iso. Agora mesmo, cando en algúns pobos non hai ni tan sequera un caixeiro, -e despois falan da España baleirada e do abandono do rural-aínda que para moitos dos nosos avós resúltalles un galimatías inintelixible, ante o clamor popular e a campaña desenvolvida, baixo o lema: “Son maior non idiota”, os nosos políticos danse conta de que aí agóchanse votos, nada menos que 600.000, pero que detrás hai moitos, moitísimos máis, porque estamos a facer un país de Vellos, pensionistas e xubilados, que non entenden os sistemas modernos electrónicos, nin as trabas bancarias que hai que superar para manexar e controlar o que é teu, a túa conta e os teus cartos con normalidade e dignidade, e nun visto e non visto, todos eles súbense ao carro de que xa se van tomar medias, ou estanse a tomar para solucionar o tema. Da noxo escoitar aos presidentes de dúas das máis grandes corporacións bancarias con beneficios de escándalo, falar de que están elaborando plans específicos, porque é un tema que lles ocupa e preocupa. E non digamos da señora ministra do Goberno do Estado, anunciando as medidas oportunas para que o tema entre en vías de solución. Cemento e formigón armado oia!.

 

Pola miña parte voulles recordar o slogan que está a arrasar: “Somos maiores, non somos idiotas!”. Aínda que eles pensan o contrario.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es