> Rodeiro|Maio 2026
> Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou neste mes de maio o compromiso do goberno provincial co apoio aos concellos e a mellora das infraestruturas deportivas municipais coa presentación do proxecto dos novos vestiarios do pavillón municipal de Rodeiro. Unha actuación enmarcada na terceira convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación a través do cal a administración provincial destina case 90.000 euros a unha obra valorada en máis de 140.000 euros. Na súa visita a Rodeiro o presidente provincial estivo acompañado polo alcalde, José Luís Camiñas, e o tenente alcalde, Alberte Lamazares.
O proxecto consiste na construción dun novo módulo de vestiarios e servizos destinado a fortalecer a infraestrutura deportiva dunha zona na que se asentan instalacións como as pistas de pádel municipais, o pavillón polideportivo e un centro educativo nunha contorna na que adoitan celebrarse diversas actividades deportivas na natureza. A actuación inclúe a instalación dunha pequena edificación en dúas alturas, con accesos independentes para cada planta desde o exterior, cun primeiro andar destinado a vestiarios cun aseo accesible, e, un segundo andar, con outro vestiario. A superficie construída total é de case 80 metros cadrados.
A provincia do deporte
“Achegamos recursos para dotar dun novo módulo de vestiarios e servizos cos que atender as necesidades dos usuarios deste polo deportivo, un proxecto moderno e de calidade para promover a actividade física, hábitos de vida saudable e mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza da provincia viva onde viva”, explicou Luis López, quen sostén que “xa non é novo que somos a provincia do deporte.
A construción deste novo módulo de vestiarios non é o único proxecto en materia deportiva que promove a Deputación no Concello de Rodeiro. A través das dúas anteriores convocatorias do PEID, o organismo provincial fixo posible a construción das pistas de pádel cunha achega de case 120.000€. Noutros eidos, coma as infraestruturas, a Deputación leva investidos máis de 700.000€ aos que hai que engadir máis de 1,25M€ correspondentes aos distintos plans de cooperación.
> Redacción
O PPdeG “escoitará e dará voz” ao sector gandeiro na Comisión non permanente especial de estudo sobre o prezo do leite. Así o anunciou este mes de maio o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, tras manter unha xuntanza coa cooperativa O Rodo, da que destacou “o seu labor magnífico para que a Galicia rural sexa unha Galicia con futuro”.
Tras incidir que o sector do leite “merece toda a nosa atención e o noso compromiso”, avogou por impulsar “solucións realistas e medidas útiles” que dean estabilidade ao sector e garantan a súa viabilidade. Neste senso, defendeu un modelo máis sostible, equilibrado e con garantías de futuro para as explotacións gandeiras, e por acadalo con diálogo, colaboración e consenso: “Traballar xuntos para que se poidan materializar as súas reivindicacións”.
Durante a visita á sede da cooperativa, “un referente para toda a comarca”, salientou que, ao abeiro desta comisión, se escoitará a todos os axentes implicados –produtores, organización agrarias, sindicatos, industria, expertos...- co obxectivo de seguir protexendo e defendendo un sector que é fundamental para Galicia.
Sector estratéxico
Tal e como remarcou Pazos, trátase dun ámbito estratéxico para Galicia, un piar indiscutible na súa economía e para o seu equilibrio territorial: “De cada dez litros que se producen no conxunto de España, practicamente, a metade ten orixe galega”.
Con máis do 42% do leite, Galicia é hoxe o principal territorio produtor de España. Representa arredor do 1,6% do PIB galego e sustenta preto de 5.000 explotacións activas, o que supón máis do 55% dos gandeiros de todo o territorio nacional. O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, reclamando ao Goberno central a modificación da Lei da cadea alimentaria, a actualización do Paquete lácteo -ambas normativa estatal de obrigado cumprimento para o sector- a publicación do índice de evolución dos custes de produción de maneira periódica, a fixación dunha prórroga automáticas dos contratos en ausencia de acordo ou a promoción de medidas para evitar a competencia desleal, pola entrada de excedentes lácteos doutros países da Unión Europea, que poidan prexudicar ao sector galego.