> Lalín |Xuño 2026
> Redacción
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou o pasado mes de xuño nunha visita á capital do Deza que o novo edificio de servizos integrados da Xunta en Lalín “está moi avanzado” e que se atopa xa na súa fase final. Foi nunha visita ás obras desta infraestrutura, na que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, e polo alcalde, José Crespo.
Segundo explicou Gómez, “nas vindeiras semanas acometeranse diferentes traballos, tanto no interior como no exterior do edificio e na súa fachada”. Así, no interior remataranse os acabados, procederase á montaxe de carpinterías e panelados de madeira e continuarase coas instalacións de electricidade, climatización e fontanería. Na parte exterior levaranse a cabo tarefas de impermeabilización e pavimentación da planta de acceso e na fachada procederase á execución dos sistemas de protección solar.
A conselleira destacou que o novo edificio, que supón un importante esforzo orzamentario de preto de 4 millóns de euros, “permitirá dar o mellor servizo posible aos veciños desta localidade en particular e de toda a comarca do Deza en xeral”.
Destacou a conselleira que Lalín é o municipio galego con máis explotacións de vacún de leite, cun total de 256, e que ocupa o segundo posto en produción, tras Mazaricos, con preto de 113 millóns de litros anuais. Así mesmo, Rodeiro e Silleda están entre os 25 concellos galegos máis produtores, aqueles que superan os 30 millóns de litros ao ano.
Características do edificio
A edificación conta con máis de 2.400 m² construídos, distribuídos en cinco andares, máis a urbanización exterior, e que se estrutura en tres volumes diferenciados, o soto semisoterrado, a planta baixa e o volume superior de tres plantas.
O edificio agrupará os servizos agrarios e de infraestruturas, os veterinarios, forestais, ambientais, de administración xeral e o rexistro da Xunta, facilitando os trámites á cidadanía. Hai que sinalar tamén o valor engadido destas instalacións, ao contar con espazos flexibles para reunión, formación e coordinación técnica; accesibilidade e funcionalidade para persoal e veciños; e polo feito de apostar pola eficiencia enerxética.
> Redacción
O Concello de Lalín vén de poñer en marcha novas actuacións de mellora e dotación de instalacións deportivas no municipio. Trátase do terceiro plan de mellora das instalacións deportivas, con financiación da Deputación de Pontevedra, que suporá un investimento de máis de 200.000 euros.
Estas actuacións, segundo explicou o goberno local, permitirán renovar e ampliar equipamentos municipais dedicados á práctica deportiva, ademais de dar continuidade aos traballos dos dous plans de mellora anteriores postos en marcha desde o executivo local, segundo detallou a concelleira de Deportes, Noelia Seijas. Entre as iniciativas previstas está a compra de novo material deportivo por importe de 17.999 euros. Con este investimento, o Concello de Lalín prevé dotar ao campo de fútbol Manuel Anxo Cortizo de novas porterías, tamén instalarán canastras fixas no pavillón municipal e proxectan renovar a rede de protección da gaiola de lanzamentos de atletismo. Segundo detallou Noelia Seijas, este terceiro plan inclúe ademais a reposición do muro na zona sur do campo de fútbol do Cortizo, e a instalación dunha nova varanda de protección cun custe de 26.261 euros.
Accións previstas
O plan inclúe tamén a mellora da sonorización do estadio municipal e do Lalín Arena con novos altofalantes e unha mesa de son na grada e tamén na sala de bike do multiusos, cun custe de 10.493 euros. Polo que respecta ao campo de fútbol de Vilatuxe, o plan acondicionará os vestiarios e instalará un módulo de baño para o público por 16.941 euros.
Entre as actuacións previstas está ademais un novo ximnasio para os clubs deportivos no Manuel Anxo Cortizo e un motor no portalón de acceso rodado, por importe de 17.972 euros. Tamén no pavillón municipal haberá nova rotulación, por 7.846 euros, e instalarán unha cuberta nas pistas de petanca, por 30.923. No Cortizo construirase un espazo para gardar material por 14.062 euros, e o plan prevé outros 57.592 euros na renovación da superficie de xogo da pista 1 do pavillón municipal.
> Redacción
O goberno local do PP en Lalín informou este pasado mes de xuño das xestións que está levando a cabo para ampliar a cobertura de fibra óptica en novas parroquias grazas á colaboración con Rede Aberta. Segundo aseguraron desde o goberno municipal, logo das reunións mantidas pola concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, con técnicos e responsables de despregamento da operadora galega, realizouse un estudo de viabilidade para analizar a ampliación da súa rede de fibra óptica en diferentes parroquias e núcleos limítrofes con zonas que xa contaban con este servizo.
Actualmente, explica o Concello de Lalín, xa está despregada e dispoñible para contratación a fibra óptica en Eirexe (Donsión), Lamela, (estrada principal e zona da igrexa, en Bermés), Lugar de Cadrón, Lugar de Doade, Lugares de Lodeiro e Castro de Abaixo (en Lodeiro), Lugar de Castro de Arriba (en Vilatuxe), e ademais a infraestrutura tamén foi instalada e está pendente da súa alta definitiva nos lugares de Palmou e Cello. Destacan desde o goberno municipal que a concelleira de Novas Tecnoloxías “conseguiu tamén o compromiso para a instalación da rede nunha ducia máis de lugares pertencentes a distintas parroquias do municipio nos próximos meses, que serán anunciados publicamente en canto estean completamente rematados e operativos os tendidos”.
Cobertura total da fibra
De feito, o Concello de Lalín aprobou o pasado mes de maio en pleno unha moción na que o grupo municipal do PP reclamaba ao Goberno central a creación dun mapa de servizo de fibra óptica e a posta en marcha dun plan de choque que garanta esta conexión en todo o territorio municipal. Nesta iniciativa, o PP lalinense estimaba arredor de 2.557 persoas no municipio que carecen dun acceso axeitado á rede en condicións óptimas, o que representa case un 13% da poboación. Os populares lalinenses piden ao Goberno do Estado que garanta o acceso a internet de alta velocidade “en todo o termo municipal”.
> Redacción
A Xunta de Galicia acaba de outorgar o pasado mes de xuño coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a autorización administrativa previa e de construción para unha instalación de produción solar fotovoltaica de 725 quilovatios (kW) de potencia instalada no concello de Lalín. A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático supón dar luz verde ao proxecto, promovido por Hidroeléctrica de Lalín S.L. co fin de impulsar a súa integración coa actual central hidroeléctrica de Castelo, localizada no mesmo municipio.
Cun orzamento total previsto de 287.866,44 euros, a futura planta Solar Castelo constará dunha instalación solar fotovoltaica de 725 kW de potencia e integrada por 1.320 paneis ou módulos fotovoltaicos. O proxecto prevé a instalación deste horto solar no lugar de Cangas, e estima que o mesmo xerará enerxía para abastecer máis de 300 fogares. A instalación dos 1.320 paneis abranguería o espazo equivalente a dous campos de fútbol.
Tramitación en marcha
As autorizacións concedidas –cuxa resolución se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia segundo avanzou o goberno galego nun comunicado– permitirán instalar os módulos indicados e tamén as infraestruturas auxiliares necesarias para distribuír a enerxía producida, en concreto, un centro de transformación, protección, medida e control e a correspondente liña de evacuación soterrada, de 510 metros de lonxitude e que irá desde o referido centro transformador ata a liña existente á que está conectada a central hidráulica coa que se prevé levar a cabo a hibridación.
Desde a Xunta de Galicia lembran tamén que as autorizacións administrativas previa e de construción outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras previstas no marco deste proxecto.
> Redacción
Os preparativos para a celebración das Festas das Dores 2026 en Lalín están en marcha. O pasado mes de xuño presentábase no concello a comisión de festas que se encargará este ano de organizar os días das festas grandes da capital do Deza, o vindeiro mes de setembro. A Comisión de Festas é un equipo con ampla experiencia en festexos anteriores capitaneado por Inés Reboredo na presidencia. Estará acompañada por Sergio Quinteiro Varela (vicepresidente), Alejandro Penalta Muíños (tesoureiro), Beatriz González Rozas (secretaria) e José Rey Salgado (vocal). Desde o Concello de Lalín avanzaron xa que o goberno municipal aportará unha axuda directa de 100.000 euros para arrancar co orzamento. A partir de aquí, a comisión abrirá unha conta bancaria para doazóns voluntarias da veciñanza, eliminando por completo o tradicional petitorio polas casas como medida de seguridade antifraude.
Liñas mestras da programación
As Festas das Dores non contan aínda cun programa pechado, pero desde a Comisión de Festas avanzaron xa as liñas mestras coas que traballan na programación das Dores 2026. Así, aseguraron que o programa contará con presenza garantida de numerosas agrupacións locais de diferentes estilos musicais, atraccións infantís situadas no Regueiriño que cumprirán estritamente con todos os requisitos de seguridade e tamén unha regulación de horarios fixa para que as grandes orquestras rematen antes e se poida garantir o descanso dos residentes do casco urbano.
Con estas directrices a comisión traballa para pechar os nomes dos músicos e agrupacións que finalmente formarán parte do cartaz das festas patronais lalinenses deste ano. Como cada comezo de verán, as veciñas e veciños de Lalín e tamén do resto dos concellos da Comarca do Deza, agardan coñecer os nomes das orquestras e músicos que este ano subirán aos escenarios en Lalín no mes de setembro.
Mentres, desde o Concello de Lalín xa puxeron en marcha para o verán o programa “Lalín con ritmo”, que encherá as rúas e prazas do concello de música e animación durante os meses de verán.