> Silleda |Agosto 2025

O Concello de Silleda inicia a reforma da Praza da Igrexa

A renovación do espazo infantil afectará a unha superficie de máis de 278 metros cadrados 

> Redacción

O Concello de Silleda vén de iniciar no mes de xaneiro o procedemento para a contratación das obras de reforma e cambio de cota do parque da Praza da Igrexa, unha actuación que se financiará con cargo ao Plan Máis Provincia. O proxecto contempla a renovación integral do espazo infantil situado no centro urbano, entre a Avenida do Parque, a rúa Santa Eulalia e a Igrexa parroquial de Silleda, nunha superficie de actuación de 278,87 metros cadrados.

 

A Xunta de Goberno Local deu o visto boa o inicio do expediente de contratación desta obra “unha intervención moi necesaria nun punto moi céntrico e moi usado polas familias, co obxectivo de gañar en accesibilidade, seguridade e comodidade”, segundo asegurou a alcaldesa e concelleira de Obras, Paula Fernández. Así mesmo, a rexedora apuntou que “esta obra vén completar as actuacións de humanización que xa se están a levar a cabo na Avenida do Parque e no seu entorno, consolidando unha mellora global desta zona da vila”.

 

O proxecto recolle o rebaixamento da cota do actual parque, que agora se atopa elevado respecto do vial perimetral, para situalo á mesma altura e mellorar a accesibilidade e o funcionamento do espazo. Para iso crearase un talud verde de transición e tamén un pequeno graderío cara ao lado da igrexa, ademais de renovar pavimentos e drenaxes para evitar acumulacións de auga.

 

Proxecto e orzamento

A actuación, que estaba pendente dos permisos necesarios doutras Administracións supramunicipais, (da autorización de Patrimonio) inclúe tamén a substitución completa dos xogos infantís, con instalación de elementos homologados e con opcións adaptadas para nenos e nenas con mobilidade reducida, así como novas áreas de seguridade con pavimentos amortiguadores. Ademais, prevese a incorporación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras e luminarias) e a mellora do axardinamento con especies autóctonas de baixo mantemento, buscando integrar o parque no conxunto do espazo público.

 

O orzamento base de licitación ascende a 179.627,43 euros (IVE incluído). Nos próximos días iniciarase o proceso para a contratación da mesma, segundo avanzou o Concello. A rexedora engadiu que “seguimos avanzando na mellora dos espazos públicos e, especialmente, daqueles pensados para o uso diario das familias. Queremos un parque máis cómodo, máis seguro e máis atractivo, acorde ao lugar no que está e ao uso que ten”.

Mudanzas e reorganizacións polas obras da Avenida do Parque

Cambia o tráfico e o concello mantén reunións cos colectivos afectados para adaptar o ritmo ao avance das obras

> Redacción

O Concello de Silleda inform0ou neste mes de xaneiro de que, con motivo do avance das obras de mellora integral da Avenida do Parque, procedeuse a unha nova reorganización provisional do tráfico para poder executar os traballos previstos nesta fase da actuación. En concreto, as restricións afectan sobre todo ás zonas de aparcadoiro, polo que quedará prohibido o estacionamento en todo o tramo da Avenida do Parque, comprendido entre a rúa Xeral e a rúa Santa Olalla. Esta medida resulta imprescindible para realizar as tarefas de levantamento do beirarrúas e fresado, previas á execución do novo firme, destacaron desde o goberno local.

 

Durante o desenvolvemento destes traballos manterase un carril de circulación aberto, garantindo así a continuidade do tráfico rodado e reducindo, na medida do posible, as afeccións á mobilidade na zona. Como medida complementaria, o Concello procederá á reapertura provisional da rúa Santa Olalla, permitindo a circulación en sentido rúa María Colmeiro – Avenida do Parque, co obxectivo de facilitar os desprazamentos mentres duren as obras.

 

En relación co servizo de taxi, as paradas manteranse, polo momento, na súa localización habitual, xa que nesta fase da obra non está previsto o seu levantamento nin modificación. Segundo explicaron desde o goberno municipal, “desde o Concello de Silleda lamentamos as molestias que estes cambios poidan ocasionar á veciñanza, ao comercio e ás persoas usuarias da vía, e agradecemos a comprensión e colaboración cidadá durante a execución duns traballos necesarios para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade urbana da Avenida do Parque”.

 

Reunión cos taxistas

O pasado 19 de xaneiro o Concello de Silleda e o colectivo de taxistas do municipio acadaron un acordo para a reubicación provisional da parada de taxis mentres duren os traballos de mellora e humanización da Avenida do Parque. A reunión contou coa presencia da alcaldesa e responsable municipal de Obras e Servizos, Paula Fernández, e os profesionais do taxi, así como do xefe da Policía Local e o técnico director das obras.

O Concello solicitou a autorización correspondente para situar provisionalmente a parada de taxis na N-525, no tramo urbano da rúa Trasdeza, unha localización próxima á actual, segura e que xa foi empregada con anterioridade en diferentes eventos locais. 

O Entroido enche Silleda de tradición, música e actividades para todos os públicos

As parroquias de Abades e Lamela abren o 7 de febreiro a programación, que continúa ata o día 18, Mércores de cinza

> Redacción

O Entroido volverá ser protagonista en Silleda durante o mes de febreiro cunha ampla programación entre os días 7 e 18 de febreiro, con propostas repartidas entre Silleda, A Bandeira, Lamela e Abades, e co Entroido da Ulla e os Baldréus como grandes eixes da celebración. A programación inclúe desfiles, Altos dos Xenerais, festas infantís, actividades gastronómicas, música e tradición popular. A primeira das citas terá lugar o sábado 7 de febreiro en Abades e Lamela. Da man da asociación A Costa, celebrarase en Abades un xantar seguido dun baile de disfraces e concurso. En Lamela, a asociación Anxela, arrancará a celebración co desfile de Entroido ás 16:30 horas pola N-525 dende Barravaite, seguido do Alto dos Xenerais ás 17:30 horas no campo da festa. O mércores 11 de febreiro volta o Entroido de Namorar ao Centro social dos maiores da Bandeira, a partir das 18:00 horas, unha festa amenizada polo Dúo Punto Zero.

 

Bandeira e Silleda, epicentro da fin de semana grande

O venres 13 de febreiro, tamén na Bandeira, terá lugar ás 18:00 horas a saída dos cabezudos, e a parranda e a apertura do Entroido a cargo da Moira na praza do Entroido. A esta actividade seguiralle a vellada, con percorrido polos bares acompañada de música tradicional e charanga. A seguir será o venres sombrereiro e o sábado 14 de febreiro o día grande do Entroido da Ulla, con actividades ao longo de toda a xornada na vila da Bandeira.

 

O sábado 14 será a pixamada polas rúas e o domingo 15 de febreiro o Domingo de Baldréus, da man de SIC, unha xornada xa consolidada que arrancará coa alborada na Carballeira das Pedrosas, continuará co vermú dos mandís, un xantar popular na praza Juan Salgueiro coa poxa da salazón. Rematado o xantar voltará o pasarrúas dos Baldréus polas principais rúas da vila, (encabezados polos Pequebaldréus da Anpa Raparigos) rematando cunha festa rachada na carpa.

 

A programación continuará o luns 16 de febreiro coa festa infantil de Entroido no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e o martes 17 de febreiro cunha nova festa infantil en Silleda. O Entroido despedirase o mércores 18 de febreiro coa Queima do Vello Baldréu.. 

Volven os obradoiros do Plan Integral de Atención a Persoas con Alzhéimer

Hai 29 usuarias deste servizo na Casa da Xuventude municipal

> Redacción

O Programa de Intervención Integral de atención a Persoas con Alzhéimer e outras demencias e familias coidadoras, que se vén realizando en Silleda dende o 2014, retomouse en xaneiro coa reanudación dos obradoiros de terapia ocupacional e de estimulación cognitiva despois do parón das vacacións de Nadal. A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, asistiu ao inicio destes obradoiros, que forman parte dunha actuación integral que se leva a cabo a través dun convenio de colaboración coa entidade Afapo.

 

Estas sesións celébraranse todos os martes e xoves de 10:15 a 13:30 –en dúas quendas- nas instalacións da Casa da Xuventude. Estes obradoiros están impartidos por persoal de Afapo e buscan previr a aparición de demencias. “Falamos dun servizo fundamental, que vai moito máis alá da atención ás persoas con demencia, porque tamén acompaña, orienta e apoia ás familias coidadoras no seu día a día”, sinalou a concelleira, que destacou tamén a traxectoria e continuidade do programa no municipio. “Desde o Concello apostamos por manter e reforzar este plan ano tras ano, porque a experiencia demostra que a estimulación cognitiva temperá axuda a retrasar o avance das demencias e favorece o benestar das persoas usuarias”, afirmou.

 

Avaliacións e seguimento

Os obradoiros están impartidos por persoal especializado da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), entidade coa que o Concello de Silleda mantén un convenio de colaboración, ao que se destinan 20.000 euros anuais, co obxectivo de ofrecer atención profesional tanto ás persoas afectadas pola enfermidade como ás súas familias.

Así mesmo, nos días previos ao inicio das sesións, o persoal cualificado de Afapo comezou xa coas valoracións individualizadas das persoas participantes, un paso clave para adaptar as actividades ás necesidades específicas de cada usuario e usuaria. Desde o Concello de Silleda destácase o valor deste programa como unha ferramenta esencial de apoio social e sanitario, reafirmando o compromiso municipal cunha atención integral e continuada ás persoas con Alzhéimer e outras demencias.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es