> Se ti vira-lo que eu vin |Xaneiro 2026
Un artista da comarca enterouse que morrera un compañeiro seu de andanzas e exposicións nunha localidade de Ourense, e como lle tiña aprecio, dispuxo todo para ter libre o día do enterro para poder acompañalo na súa última viaxe terrestre. Chegado o día, alá foi cara o pobo sinalado, e cando estaba xa preto da igrexa deuse de conta que xa viñan polo camiño a comitiva fúnebre, achegouse e uníuse aos que viñan acompañando o cadaleito. Pero cando se foron metendo para dentro do templo, estrañoulle ao noso protagonista non ver a ninguén coñecido, aínda que non lle deu máis importancia posto que el xa chegara un pouco tarde. O funeral transcorreu con toda normalidade e ao rematar, procedeuse ao enterramento, sen máis. O noso protagonista, xa preto do seu coche, dispoñíase a marchar cara a súa casa, pero cal foi a súa sorpresa ao ver aparecer outra comitiva fúnebre acercándose á igrexa, e mirando mirando albiscou algún coñecido seu polo que deduciu que debía ser este o enterro do seu amigo, e coa mesma, regresou á igrexa e asistiu tamén a este segundo funeral, que este si que era o correcto, posto que había por alí xente coñecida que así o confirmou, polo que á segunda foi a vencida. Aínda que ninguén lle sacou de papar dous enterros, sen vir ao caso.
É ben certo que non tódalas xogadas saen ben, senón todos acertaríamos en todo o que facemos ou pretendemos levar a cabo. Esta premisa non a debeu de ter en conta o noso protagonista, que na ceifa do ano pasado sementou unha leira de nabos e acabou vendendo todos e quedouse corto, pois non lle chegaron nin para os clientes máis habituais e con pena de non ter botado máis cantidade para poder satisfacer a todos e encher os petos. Entón, este ano quixo repetir a operación e sementou unha leira ben grande, para que non se deran esgotado os nabos. Preparou ben a terra e procurou plantalos no seu tempo para que non foran nin cedo nin tarde, e o resultado non puido ser máis desastroso. O que pasou foi que os nabos naceron mal e tampouco medraron ben, os poucos que saíron para diante desaparecéronlle de repente, non sabe se foi algún veciño ou unha organización abdicada ao roubo expreso de nabizas, agora que se acerca o cocido. O caso foi que está planeando seriamente non volver a sementar nabos, visto o resultado tan catastrófico deste ano. Agora terá que analizar, con calma e detemento, as causas exactas deste estrepitoso fracaso sen posibilidade de regreso da inversión feita. É o que ten a agricultura, calquera revés pódeche arruinar e deixarte co cu ao aire, sen saber que facer nin a quen botarlle a culpa. Esperemos que para o ano xa lle teña pasado a rabia e volva a sementar nabos coma sempre, para beneficio dos nosos comensais.
Hai decisións administrativas que ás veces poden resultarnos chocantes e ata un pouco extravagantes, pero se analizamos o tema polo miúdo e o poñemos no seu contexto lóxico e real, darémonos de conta que todo ten a súa explicación e ata se pode chegar a comprender esta decisión. Resulta que para ser efectivas as reclamacións ten que haber alguén que as recolla e as tome en consideración, cando proceda. Pero se as reclamacións caen nun burato sen fondo nin explicación, é lóxico que esa reclamación non vale de nada e polo tanto está fora de lugar, e como os concellos quedan ás veces a desmán, o mellor é trasladar o libro de reclamacións a unha taberna, que polo menos dáslle movemento e sempre se poderá facer vida social, pois de paso que vas facer a reclamación aproveitas para tomar un grolo e darlle vida as nosas denotadas tabernas. Ademais, nese lugar sempre pode xuntarse un consello consultor que lle poña remedio á reclamación, e se cadra xa pode saír resolta do propio establecemento sen necesidade de outras autoridades máis lentas e menos competentes na materia de que se trate. Sabemos que a polémica está servida, e sempre aparecerán defensores e detractores desta medida, que en principio é innovadora e revolucionaria, e se aínda por encima funciona mellor que como estaba, xa veremos a outros de copiar o invento. De momento, o traslado fíxose de forma experimental, pero podería quedar definitivo unha vez que se comprobe a súa efectividade. O problema pode ser que ao estar na taberna o libro de reclamacións podería ter moitos máis usuarios e, polo tanto, entorpecer a tarefa resolutoria dos problemas plantexados, haberá que esperar para ver o resultado desta orixinal iniciativa.