> Rodeiro|Xaneiro 2026

Rueda compromete un investimento de 150.000 euros para o centro de día de Rodeiro

O alcalde e o tenente de alcalde mantiveron en xaneiro un encontro co presidente da Xunta

> Redacción

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas e o tenente de alcalde, Alberte Lamazares, mantiveron a comezos deste mes de xaneiro unha xuntanza na que o titular do Goberno galego trasladou ao goberno local o compromiso de destinar 150.000 euros para a creación do centro de día do municipio. Segundo aseguraron desde o goberno galego, esta medida dálle continuidade ao compromiso adquirido pola Xunta de Galicia logo da sinatura dun convenio de colaboración no 2018 para financiar a construción dun Centro Polivalente de Uso Asistencial, no cal agora se prevé situar o centro de día e un punto de atención á infancia. Ademais, a Xunta destacou nun comunicado que actualmente financia dez prazas públicas de atención diúrna nas dúas casas do maior coas que conta o concello.

 

Durante o encontro tamén se abordaron asuntos como a mobilidade ou a vivenda. Neste último eido, o presidente da Xunta de Galicia lembrou a liña de axudas do Executivo autonómico a concellos de menos de 30.000 habitantes para rehabilitación de vivendas de titularidade municipal destinadas a alugueiro accesible. No 2026 destinaranse máis de 2,1 millóns de euros a esta liña, segundo lembrou Rueda ao bipartito cambote, que inclúe como principal novidade a cualificación pública permanente das vivendas resultantes. Ademais, increméntase nun 30% o importe máximo da axuda por vivenda, que poderá acadar os 65.000 euros (68.000 en determinados casos).

 

Detalles do proxecto

Segundo informaron desde o goberno local logo do encontro co presidente da Xunta, serán 150.000 euros para o Centro de Día e o Punto de Atención á Infancia, o que o alcalde, José Luís Camiñas cualificou como “pasos firmes para o remate dun edificio que comezou hai máis de dez anos e que non supera o 30 % da súa execución. Sen dúbida, este vai ser o ano do seu remate”, afirmou Camiñas.

O proxecto ten un orzamento para o remate de 1.164.000 euros, dos cales 150.000 euros corresponden á Xunta de Galicia, 500.000 euros ao Plan Extra da Deputación, que o Concello decidiu investir neste proxecto e 514.000 euros son a achega que lle corresponde ao Concello de Rodeiro. “Falamos dun edificio pensado nas persoas maiores, pero tamén nos máis pequenos, un espazo clave para os servizos sociais e o benestar da nosa veciñanza”

Un proxecto para a humanización da rúa da Raña

O goberno local pediu 500.000 euros á Deputación de Pontevedra para esta actuación

> Redacción

O Concello de Rodeiro solicitou unha axuda á Deputación de Pontevedra a finais do pasado mes de decembro de 2025 dentro do Plan Extra para a humanización da Rúa da Raña. Segundo aseguraron desde o goberno local, “recibiremos 500.000 euros dentro do reparto que lle corresponde a o Concello de Rodeiro desta administración, coma outro concello da provincia, pero dos máis penalizados. Esta é a única achega externa coa que conta este proxecto”.

 

O orzamento da obra, que segundo informaron alcalde e tenente de alcalde en decembro sairá a licitación, é de 570.000 euros, polo que os 70.000 euros restantes terán que ser asumidos polo Concello de Rodeiro con fondos propios, xunto coa elaboración do proxecto e a dirección da obra, que tamén corren a cargo do Concello. A rúa da Raña si conta con beirarrúas, pero estas atópanse nun estado moi deteriorado, con máis de 50 anos de antigüidade, sen renovación, cunha iluminación deficiente e sen adaptación ás necesidades actuais de accesibilidade e seguridade.

 

Explicaron o alcalde, José Luís Camiñas e o tenente alcalde, Alberte Lamazares, que a da Raña é “unha rúa moi transitada, tanto por veciños e veciñas como por peregrinos, e na que se concentran servizos fundamentais” como As Carpinteiras (hotel, albergue, restaurante e cafetería), a Cooperativa de Rodeiro, Carnicería García, a Cafetería-restaurante Cabalos do Faro, o Cuartel da Garda Civil, a Casa da Cultura e instalacións deportivas municipais ( Campo de fútbol, Pabellón deportivo, Ximnasio, Pistas de pádel).

 

Humanización do pobo

Esta actuación, segundo aseguraron desde o goberno local, “vai supoñer un impulso importante á humanización do pobo, recuperando unha rúa que estivo abandonada durante anos polos anteriores gobernos do PP en Rodeiro, sen investimentos nin melloras, a pesar da súa importancia social, económica e turística”. Porén afirman Camiñas e Lamazares que “este goberno municipal cumpre cun dos seus compromisos: poñer ao día Rodeiro, actuar onde antes non se actuaba e investir onde durante décadas non se fixo nada, non solo investimos todo no rural, senón que tamén pensamos no casco urbano”. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es