> Lalín |Abril 2026
> Redacción
A liquidación orzamentaria do exercicio 2025 en Lalín arroxa un superávit de 754.474,43 euros -entre o Concello de Lalín e o Padroado Cultural-. A tenente alcalde explicou en rolda de prensa a liquidación orzamentaria, destacando que o concello cumpre o obxectivo de estabilidade financeira e remarcando que “o Concello de Lalín goza de boa saúde financeira”.
Segundo os datos do goberno local, a débeda viva do concello está en 7.660.329,57 euros, unha cifra que “cumpre o nivel de débeda viva”, xa que la lei permite endebedar aos concellos até o 110% dos ingresos correntes e o 75% da liquidación. Así, “o Concello de Lalín tería un nivel de endebedamento situado no 38,73%”.
A tenente alcalde, Paz Pérez desgranou as cifras económicas das arcas públicas explicando que con estes datos o superávit é dun 3,31% sobre o Orzamento consolidado do exercicio anterior, o que significa que ao longo do ano as arcas municipais ingresaron 754.474,43 euros máis dos que se gastaron.
Plan económico financeiro
No pasado exercicio e a pesares destas cifras o Concello de Lalín incumpriu a regra de gasto, polo que o goberno local levará ao pleno en maio un Plan Económico Financeiro 2026-2027 “sen medidas” e un expediente para habilitar un préstamo bancario de 4.236.975 euros por un período de 15 años.
> Redacción
A Casa de Galicia de Nova York viviu o domingo 26 de abril un dos actos de maior proxección internacional da historia da Feira do Cocido de Lalín. A institución galega máis antiga e importante dos Estados Unidos acolleu un Capítulo Extraordinario da Encomenda do Cocido e unha degustación para 450 persoas, a maioría galegos procedentes de diversos puntos de Estados Unidos.
O acto foi presidido polo alcalde de Lalín e Gran Comendador, José Crespo, e polo presidente da Casa de Galicia NY, José Gil, e contou coa presenza da cónsul de España en Nova York, Marta de Blas; do conselleiro de Cultura, José López; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, entre outros convidados. O Capítulo Extraordinario da Encomenda do Cocido investiu cinco novos comendadores.
Gastronomía, música e tradición
Tras a celebración da Encomenda, os 450 comensais puideron gozar dun cocido elaborado por tres cociñeiros lalinenses: Alberto González, de Casa Currás, Álex Iglesias e Isabel Louzao, do restaurante La Robleda. O produto foi criado e adquirido nos Estados Unidos, mais tratado con rigorosa fidelidade aos procesos tradicionais lalinenses: salgado, afumado e preparación das carnes segundo os canons da vila dezá. Nos comedores tamén se fixo en directo a queimada preparada e escenificada polo artista lalinense Luchi Iglesias que se caracterizou de bruxa para ese momento xa das sobremesas.
> Redacción
Os concellos de Ribadeo e Lalín preparan unha experiencia conxunta sen precedentes para a observación da eclipse solar do próximo 12 de agosto, un fenómeno que o astrofísico José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, cualificou como “a eclipse das nosas vidas”.
A iniciativa inclúe a instalación de pantallas xigantes tanto na praia das Catedrais como no coñecido Altar do Sol, co obxectivo de facilitar o seguimento simultáneo do evento astronómico desde ambos municipios. O profesor Docobo será o encargado de comentar en directo todos os aspectos científicos da xornada, explicando o que acontecerá antes, durante e despois do eclipse.
Segundo destacou o propio investigador, a proposta conxunta é especialmente acertada pola incerteza meteorolóxica habitual nestes fenómenos. “As nubes son caprichosas, polo que ter dous puntos de observación aumenta as posibilidades de poder desfrutalo”, sinalou, lembrando ademais que en Ribadeo se rexistrará a maior duración do eclipse en Galicia, cun minuto e 45 segundos de visibilidade.
No caso de Lalín, a observación terá como escenario principal o emblemático Altar do Sol, onde o fenómeno poderá apreciarse durante uns 20 segundos. Aínda así, Docobo subliñou o valor simbólico do lugar e a súa relevancia para a experiencia colectiva.
O alcalde de Lalín, José Crespo, explicou que o dispositivo técnico incluirá tamén unha programación especial de contidos divulgativos. “Imos colocar pantallas xigantes en ambos municipios e o profesor Docobo irá narrando todo o proceso científico. Será unha xornada intensa, porque ademais coincide coas Perseidas”, apuntou. Neste sentido, avanzou que, tras o eclipse, haberá actividades lúdicas e de observación astronómica durante a noite.
Congreso internacional
Do 8 ao 10 de maio, Lalín convértese en capital da astronomía coa celebración da quinta edición do Congreso de Astronomía Proam, un evento de prestixio que reunirá a profesionais e afeccionados chegados de toda España, Portugal e Francia, coordinada pola SEA (Sociedad Española de Astronomía). O alcalde José Crespo, a concelleira de Turismo e Cultura, Begoña Blanco, e o emérito profesor José Ángel Docobo indicaron que o congreso é unha oportunidade única para promover a divulgación científica e o intercambio de coñecementos e colaboracións entre a astronomía profesional e afeccionada.
> Redacción
O Concello de Lalín programou para o mes de maio actividade cultural arredor da celebración o 17 do Día das Letras Galegas. O “Lalín das letras” recolle actividade o propio 17 de maio co “Serán das Letras en femi9nino” na Carballeira do Rodo, no que actuarán máis dunha decena de grupos tradicionais, haberá un xantar comunitario, obradoiro e pandeiro e un concerto de Uxía Senlle. O día 18 a programación será unha “sesión das letras galegas” na biblioteca municxipal, e ao día seguinte -19 de maio” na praza da Igrexa haberá un concerto de Roi Casal.
Xa para o día 20 de maio o programa “Lalín das Letras” contará con pasarrúas, a actuación da Banda de Música de Vilatuxe e tamén da Carballeira de Cercio. O programa remata o día 21 de maio na praza da Igrexa cun concerto de Xulio Fernándes e no “Lalín de cine” a proxección do filme “As Bestas” de Rodrigo Sorogoyen.
“Serán das letras”
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, acompañada de representantes dos 11 grupos de música tradicional implicados no evento, presentaron a programación do vindeiro domingo 17 de maio, no que a Praza da Igrexa converterase no epicentro da celebración. Blanco convidou a toda a veciñanza a participar no “Serán das Letras Galegas”, unha xornada dedicada á nosa tradición, música e baile. Este ano, o escenario estará cuberto para garantir o éxito da xornada, independentemente da meteoroloxía. Contará coa presenza de 11 grupos locais (pendentes de confirmación final da lista), que este ano farán as súas presentacións a través da regueifa. Pandereteiras de Zobra, Randela, Ailola, Os Dezas de Moneixas, Trasnos de Doade, Ponte da Prata, Repenicando, Os Xuncos, A Carballeira de Cercio, Roseira Brava e Carballo de Manteiga, son algúns dos grupos xa confirmados.
A programación comezará ás once da mañá cun obradoiro de baile con Xisco Feijóo, que á unha do mediodía ofrecerá un concerto aos asistentes, xa ás sete da tarde está previsto o serán principal.
> Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM), servizo municipal dependente da Concellería de Muller dirixida por Carmen Canda Larroy, é un recurso especializado de atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Está activo desde agosto de 2002 e presta servizo tamén aos concellos de Agolada e Rodeiro mediante convenio desde 2014. O CIM ofrece unha intervención global e permanente, priorizando a atención ás vítimas de violencia de xénero. O servizo funciona de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas, e proporciona: Asesoramento xurídico, Atención psicolóxica, Asistencia social integral a vítimas de violencia de xénero e Información sobre os recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma. No primeiro cuadrimestre deste ano atendeu un total de 191 consultas.
Do desglose destes servizos prestados desde o CIM 66 das consultas atendidas foron sobre atención a vítimas de violencia de xénero, outras 53 de asesoramento xurídico, 50 de atención psicolóxica e 22 sobre información de recursos e outras cuestións. Ao longo do ano 2025, o CIM atendeu 636 consultas, consolidándose como un servizo esencial para a atención, acompañamento e protección das mulleres en situación de vulnerabilidade e das vítimas de violencia de xénero.
Mesa Local de Coordinación en xuño
Dentro das funcións do CIM, está prevista para o mes de xuño a celebración da primeira convocatoria anual da Mesa Local de Coordinación fronte á violencia de xénero. Nesta mesa participan profesionais de: Policía Local, Xulgado, Colexio de Avogados, Garda Civil, Centros de ensino (IES), Subdelegación do Goberno e Dirección Xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia. O obxectivo é reforzar a coordinación interinstitucional, supervisar actuacións e mellorar a atención directa ás vítimas.
O CIM está adscrito ao servizo ATENPRO (atención e protección para vítimas de violencia de xénero) da Cruz Vermella, tramitando as solicitudes de teleasistencia. Actualmente hai 30 casos activos que empregan este recurso. Así mesmo, mantén unha colaboración e coordinación constante co equipo VIOGÉN da Garda Civil de Lalín, realizando unha intervención integral que inclúe tramitación de recursos, atención psicolóxica e asesoramento xurídico aos casos derivados de violencia de xénero.