> Lalín |Xaneiro 2026
> Redacción
As cociñas de Lalín están en marcha arredor das celebracións da LVIII Feira do Cocido. Arrancou tamén o XXVIII Mes do Cocido que se estenderá até o vindeiro 14 de febreiro, antes, o día 8 será o día grande da festa gastronómica por excelencia de Galicia. Nas celebracións deste ano participan 265 restaurantes e hai 68 empresas colaboradoras. Previa ao día grande da feira terá lugar ademais unha nova edición da Gala do Cocido, desde o Lalín Arena, retransmitida en directo e presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana de Mar. Este ano El Combo Dominicano, Ana Guerra ou Daniela Blasco serán algúns dos artistas que quentarán as celebracións deste ano o vindeiro día 30 de xaneiro.
Unha das novidades desta edición da Feira do Cocido terá tamén o Lalín Arena como escenario, onde o 8 de febreiro haberá un cocido multitudinario para 1.000 persoas neste espazo municipal. A labor de promoción deste ano inclúe presenza do cocido de Lalín en Madrid Fusión, unha presentación celebrada en Oviedo e o cocido viaxará tamén a Santiago e á Casa de Galicia en Nova Iorque, xa o vindeiro mes de abril.
Encomenda do Cocido 2026
O Concello de Lalín deu a coñecer ao longo destes meses os nomes propios que farán parte este ano dunha nova Encomenda do Cocido, e o nome do pregoeiro que será nesta edición o prestixioso cirurxán galego Diego González Rivas. Ademais o catedrático do departamento de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; o seleccionador de España de fútbol, Luís de la Fuente; a xornalista e escritora Irene Villa; a concelleira Almudena Maíllo e o empresario lalinense Ramiro Mejuto sumaránse á longa lista de comendadores do Cocido de Lalín.
A exposición central deste ano “Antón Sobral, o silencio do mar” ten tamén as súas portas abertas, e ao longo do mes celebráronse eventos arredor desta festa gastronómica como a matanza tradicional e o Divercocido, que sumou para os máis cativos gastronomía con música, xogos e diversión. O cartel promocional e o pin conmemorativo deste ano son obra do pintor José María Barreiro.
> Redacción
O Concello de Lalín segue adiante coas labores de promoción da festa gastronómica, desta volta foi en Madrid Fusión, no stand do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) onde se levou a cabo a promoción da LVIII Feira do Cocido cunha degustación aberta que contou con numeroso público e unha ampla representación institucional. O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, representantes e alcaldes dos GDR de toda Galicia e o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte.
A presenza da Feira do Cocido de Lalín en Madrid Fusión forma parte dunha das accións promocionais que o Concello de Lalín está a levara cabo de cara á celebración da LVIII edición da festa, de Interese Turístico Internacional. A Feira do Cocido tamén estivo presente este mes de xaneiro en Fitur, houbo ademais unha degustación e promoción en Oviedo e no Centro de Hostalería de Galicia. No mes de abril está previsto que o cocido lalinense viaxe tamén á Casa de Galicia en Nova Iorque.
Motococido de rali
A Feira do Cocido irá máis aló nas súas actividades logo da celebración do Mes do Cocido e o día grande o vindeiro 8 de febreiro. Está anunciada xa a celebración do “Motococido” para os días 10, 11 e 12 de abril. Este ano a Concentración Moteira Internacional terá súa zona de acampada no Campo da Feira e contará con rutas moteiras, xuntanzas e actividades para os participantes. Tampouco faltará a música a cargo da Charanga Ardores, a orquestra América, o grupo Malditos Pendejos e DJs durante os tres días do evento. No mes de marzo, os días 6 e 7, Lalín acollerá tamén a 30 edición do Rali do Cocido, que este ano contará con 9 tramos cronometrados e que se disputará integramente no concello de Lalín. O tramo espectáculo previsto pola organización do evento será no Regueiriño, e os participantes terán un parque pechado no Centro Comercial Pontiñas e o campamento base no Polígono Lalín 2000.