> Dozón |Febreiro 2023
Redacción
O pasado 4 de febreiro o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o mosteiro de San Pedro de Vilanova, no concello de Dozón, onde a Xunta de Galicia acaba de completar traballos de rehabilitación cun investimento superior aos 300.000 euros. A intervención, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, centrouse na mellora da cuberta, fachadas e carpintería exterior, así como na conservación do retablo maior deste templo románico.
No acto de inauguración coa veciñanza, que contou coa actuación musical de Emilio Rúa e Margarida Mariño, o representante da Xunta de Galicia celebrou que os traballos permitisen recuperar “unha das principais xoias patrimoniais do rural galego e poñer en valor este templo románico de máis de 900 anos de historia”. “En Galicia temos a sorte de contar cun rico e variado patrimonio cultural espallado por todo o territorio que en moitos concellos rurais funciona como un auténtico dinamizador da oferta cultural”, explicou Román Rodríguez.
Neste senso, salientou o forte compromiso da Administración autonómica coa conservación, restauración, investigación e divulgación do patrimonio cultural da nosa Comunidade. “Somos a administración que máis inviste en tarefas de rehabilitación. Así o demostran as contas da Consellería, que este ano incrementa un 14% a partida destinada a este fin”, afirmou.
Problemas de humidade
Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia estaban destinados a poñer en valor o templo románico de San Pedro de Vilanova de Dozón e a resolver os problemas de humidade que afectaban as zonas sur e norte intervindo nas fachadas e nas cubertas. O proxecto completouse coa pavimentación da contorna exterior con acabados pétreos e co acondicionamento dos muros exteriores no adro, así como a canalización de pluviais e drenaxes.
Por outro lado, nunha segunda fase, actuouse no retablo maior e no frontal do altar da igrexa co obxectivo de recuperar a súa estabilidade e garantir a súa conservación. Neste marco, os traballos incluíron a desmontaxe dos elementos para limpalos, sanealos e aplicarlle tratamentos cromáticos e de eliminación de deformacións.
Melloras no Pío Cabanillas
Por outra banda, e tamén este mesmo mes de febreiro o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou novos investimentos nos colexios CPI Plurilingüe de Rodeiro e Pío Cabanillas Gallas, en Dozón, cuxas obras de renovación licitaronse este mes por importe de 700.000 euros.
No caso do Pío Cabanillas Gallas, o investimento previsto é de 189.050 euros, cos que se mudarán as 111 fiestras do centro. Ademáis instalaranse novas carpinterías de aluminio con mellores prestacións térmicas e acústicas. Alí onde as fiestras se atopan a gran altura colocarase un sistema motorizado para a súa apertura.
O conselleiro destacou que este tipo de actuacións “cumpren unha dobre función: por unha banda, reducir o consumo enerxético dos centros nos que se realizan e, por outra, mellorar de xeito moi significativo o confort térmico de alumnos e profesores”. “Polo tanto, contribuímos tanto ao coidado do medio ambiente e ao aforro do gasto de calefacción, como á comodidade e benestar da comunidade educativa”, engadiu.
Esta actuación no colexio de Dozón vén completar a realizada no 2022, por máis de 285.000 euros, que incluíu o cambio da cuberta e renovación total das instalacións eléctricas e de fontanería, entre outras melloras.
Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191millóns de euros.
No marco deste plan, o Goberno galego recolle accións por preto de millóns na comarca do Deza, entre obras rematadas recentemente, en execución, en licitación e en carteira. En concreto, na obra da central de biomasa do colexio Xesús Golmar de Lalín xa está asinada a acta de replanteo e está a piques de comezar. Ademais, están en licitación as melloras sectoriais no colexio CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira-Silleda) e está listo o proxecto para acometer diversas melloras no CEIP de Silleda que, a continuación, será tamén licitado.