> Deputación |Abril 2026

O Plan Vía Depo inxectará 8millóns de euros para arranxar estradas municipais

Luís López presentou o novo programa de axudas aos alcaldes

> Redacción

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar en abril diante de alcaldes e alcaldesas da provincia un novo programa extraordinario de investimentos do organismo provincial deseñado especificamente para os concellos de menos de 50.000 habitantes, todos os da provincia agás Vigo e Pontevedra, que contan coa súa vía singular de financiamento.

 

Trátase do Plan Vía Depo, unha ferramenta dotada con 8 millóns de euros que servirá para realizar melloras nas estradas de titularidade municipal e accesos a recursos naturais e arranxar os danos provocados polos temporais do inverno. “A rede viaria municipal, os concellos e a xente precisan axuda e unha vez máis van ter axuda da Deputación”, afirmou o mandatario provincial nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo provincial no que, ademais de rexedores dos concellos destinatarios deste plan, asistiron tamén todos os membros do goberno da Deputación.

 

Detalle das axudas

Cada concello recibirá un mínimo de 50.000 euros e os recursos restantes repartiranse baixo criterios obxectivos de superficie, poboación e o número de entidade singulares. Estes fondos servirán para que os concellos financien actuacións relacionadas coa mellora do trazado e o reforzo da súa estrutura, a conservación do firme con operacións de fresado, a reparación de pavimentos, baches, gretas ou novas capas de rodadura; a estabilización de muros de contención que afecten a vías municipais, a actuación en sistemas de drenaxe, como cunetas ou sumidoiros e a reparación de sendeiros e paseos de acceso a praias fluviais e marítimas. 

A Deputación aproba a adxudicación da xestión do programa +Xuntas por preto de 700.000 euros

Están aprobados os 207 obradoiros que terán lugar este ano para entidades de 53 concellos da provincia

> Redacción

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu visto bo á adxudicación da contratación do programa +Xuntas durante os anos 2026 e 2027, cun investimento de preto de 700.000 euros. O presidente Luis López informou de que o programa ofrecerá “cada ano máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que apoien o desenvolvemento das mulleres”. Tamén lembrou que xa están aprobadas tamén as formacións que terán lugar durante este ano 2026, “un total de 207 obradoiros que chegarán a colectivos de 53 concellos”. Cada un deles puido escoller unha acción formativa do catálogo do programa, que inclúe opcións encadradas en catro categorías: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde.

 

Un programa para “crear redes”

Luis López tamén sinalou que outros dos obxectivos deste programa son “crear redes de apoio onde poder compartir experiencias e estreitar os vínculos entre elas”, xa que están destinados a grupos de arredor de 25 participantes. Cada formación terá unha duración de 35 horas e incluirá un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.

 

Luis López asegurou que “damos un novo impulso á igualdade nesta provincia”, unha das prioridades do goberno provincial, para así “apoiar as mulleres e o tecido asociativo, que son actores fundamentais para que esta provincia poida avanzar e ter futuro”. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es