> Agolada|Xaneiro 2026
> Redacción
O Concello de Agolada mudou de alcalde a finais do pasado 2025, logo de que unha sentencia confirmara a condena a inhabilitación por un delito de prevaricación do rexedor Luís Calvo Miguélez, do Partido Anticorrupción y Justicia (PAYJ). O número dous de Calvo, Óscar Val, tomou posesión como novo rexedor municipal en pleno o pasado mes de decembro, un mes despois o PP de Agolada vén de denunciar a “parálise que está a sufrir o Concello de Agolada logo da dimisión de Luís Calvo pola súa inhabilitación e a chegada a Alcaldía de Óscar Val”. Os populares afirman que “nunca viron moito interese” no novo alcalde por “poñerse a xestionar o concello” e advirten do seu “pasotismo como concelleiro”. Critican desde o PP local que “nin el nin ningún dos seus concelleiros moveron un dedo nestas datas, máis aló de facer postureo en algún acto”.
Diante da situación política no concello e o comezo do mandato do novo rexedor, o vindeiro pleno municipal será escenario previsiblemente destes reproches e demandas desde os grupos da oposición,. Por parte do PP a súa voceira local, Mari Carmen Seijas, anunciou xa unha moción para que concello solicite a cesión da titularidade á Xunta de Galicia das antigas Casas dos Mestres “para convertelas en vivenda publica“.
Iniciativas
Aseguran desde o PP que na Agolada “aínda temos en pé 6 casas dos mestres que levan anos en desuso, parte delas xa estaban cedidas na época do anterior goberno e as outras están en proceso de cesión por parte da Consellería”. Tamén propón o PP local que o Concello de Agolada adquira casas á venta no rural e mesmo “dispoñer de terreo público para vivendas de protección oficial como as xa 18 existentes e que foron entregadas fixo xa 25 anos” por parte do goberno bipartito PSdeG-BNG na Xunta.
O BNG de Agolada tamén avanzou que levará ao vindeiro pleno municipal, co novo alcalde, unha moción para demandar a execución do decreto das concentracións parcelarias pendentes no concello.
> Redacción
Os proxectos de plantas de biometano na Comarca do Deza están a levantar as protestas e preocupación veciñal, pola falta de regulación dos mesmos, os fondos de investimentos ao seu arredor á caza de subvencións, a proximidade das plantas con núcleos poboados e os efectos en materia de saúde pública e o rexeitamento dos técnicos agrogandeiros e o sector primario sobre os resultados destas plantas. A Plataforma Stop Biometano Agolada está a celebrar na comarca charlas informativas de expertos para alertar sobre os efectos deste tipo de instalacións e os proxectos sobre a mesa, en concellos como Agolada ou Lalín.
O pasado mes de decembro o escenario foi o auditorio Costa Casares de Agolada, e este mes de xaneiro no Casino de Lalín, o enxeñeiro agrónomo Xoán Castro, o químico Daniel L. Bispo, o membro de Berce do Ulla Xosé Mariño e Eva Buxel, de Agolada Viva, volveron alertar dos proxectos sobre a mesa de plantas de biometano na comarca. Desde a Plataforma Stop Biometano Agolada teñen conseguido bloquear as licenzas no concello e aseguran que levarán a súa loita até os tribunais, para impedir a instalación dunha destas plantas a menos de 500 metros de vivendas no municipio.
Alarma diante do proxecto na Agolada
No caso do proxecto dunha planta de biometano na Agolada, as cifras oficiais falan de 100.000 toneladas anuais de residuos, unha cifra semellante ao lixo que xera A Coruña anualmente (250.000 habitantes, 100 veces máis poboación que Agolada), destacan desde a Plataforma. O proxecto prevé unha balsa de residuos de entrada, 50.000 metros cúbicos -15 piscinas olímpicas-, unha balsa de dixestato de 50.000 metros cúbicos -outras 15 piscinas olímpicas-, cun consumo eléctrico anual de 2.100.000 kwh/ano, equivalente ao consumo de 600 casas.
Aos datos oficiais nas charlas de Agolada e Lalín, Daniel L. Bispo apuntou que “as plantas de biometano teñen problemas de cheiros e iso é un indicador dun problema de saúde pola emisión de sulfuro de hidróxeno, amoníaco e compostos orgánicos volátiles”. O enxeñeiro Xoán Castro alerta de que este modelo “pretende converter ao rural nun gran vertedoiro”.