> Lalín| Marzo 2021
A Xunta de Galicia vai acometer unha obra de rehabilitación enerxética no CEIP Xoaquín Loriga, de Lalín, cun investimento de arredor de 600.000 euros, tal e como anunciou o pasado mes de marzo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao centro na que estivo acompañado do alcalde, José Crespo. Román Rodríguez avanzou que esta obra será unha das primeiras actuacións que se van acometer ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que vén de aprobar o Consello da Xunta e que suporá un investimento de 191 millóns de euros nesta lexislatura.
“Este Plan −sinalou o conselleiro− será a guía para a definición e o deseño dos novos espazos educativos de xeito que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do futuro e, polo tanto, as actuacións previstas no Xoaquín Loriga tamén se van cinguir ás condicións aquí marcadas”. Os obxectivos xerais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica vanse recoller no proxecto de rehabilitación integral que a Consellería de Educación vai acometer CEIP Xoaquín Loriga, e que suporá un aforro enerxético estimado de arredor do 28% en canto a consumo e do 38% en canto a emisións de CO².
> Silleda| Febreiro 2021
O executivo local de Silleda levou a pleno o pasado mes de febreiro a aprobación inicial do orzamento municipal para 2021. O montante global das contas sitúase en 8.480.000 euros, unha cifra que supón un incremento do 22,72 por cento (1,5 millóns máis) respecto ao orzamento do ano 2020. Este incremento explícase ao contemplarse destacados inves-timentos para o presente exercicio como a reforma da rúa Progreso (con máis de 800.000 euros de investimento) ou a rede de calor (195.706 euros), ámbalas dúas en proceso de licitación.
Deste xeito, e con respecto ao pasado ano, o capítulo de investimentos reais aumenta en máis de 237%, pasando de 668.600 euros a máis de 2,2 millóns (2.258.798,25). “A estas tres destacadas actuacións sumaranse outras obras e dotacións ao longo do ano”, segundo explicou o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña. No capítulo de gastos, a partida de persoal sitúase en 2,3 millóns de euros, o que supón o 26,73%, do orzamento municipal.