> Vila de Cruces |Decembro 2020
> Redacción
Polo de agora o presidente da asociación, Tito Mariño, amósase esperanzado cos resultados desta iniciativa. Coa suspensión da Feira de Nadal, que reportaba moitas vendas aos criadores, Mariño asegura que “as vendas van indo porque temos unha clientela fiel que coñece a calidade do noso produto”. Ademais e para animar aos que aínda non decidiron os menús de Nadal, Mariño explica que coa limitación de 6 persoas á mesa “o capón vai perfecto, un para seis persoas”. Os criadores embarcáronse neste proxecto coa intención de ampliar o seu mercado, pero non desbotan ir recabando apoios das institucións que podan axudar ás vendas, á proxección e á internacionalización plena do Galo de Curral de Vila de Cruces. Este ano o prezo do galo de curral é de 11 euros o kilo, e 15 no caso do de Mos.
O galo nas redes
Instagram, Facebook e agora a súa propia páxina web pretenden servir aos 17 criadores coma un escaparate ao mundo no que amosar o seu traballo para conseguir “un animal saudable e co sabor tradicional do campo galego”. Todas estas canles de difusión pretenden poñer en valor as cualidades do galo de curral criado en Vila de Cruces, a súa crianza nunha contorna natural e con estricto respeto ao benestar animal, unha alimentación autóctona, o respecto aos ciclos biolóxicos dos animais e unha crianza de 9 meses.
Con esta iniciativa tamén queren avanzar na desestacionalización do seu negocio. Para iso os criadores barallan outras posibilidades coma a venda de polos máis novos e unha canle de comercialización con servizo a domicilio, centrado de momento no Deza e en Santiago e a súa área de influencia.
> Redacción
A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o pasado 9 de decembro a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó. O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”.
Defensa do rural
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, á Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza.
Facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que deberían abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
> Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato para redactar un Plan de sendas na comarca de Deza. Este servizo adxudicouse á empresa Urbing, Proyectos de Urbanismo e Ingeniería CIVIL, por un importe de máis de 18.000 euros. Trátase de identificar os treitos de sendas prioritarios a executar nas marxes das estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Vila de Cruces, Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro e Silleda.
No marco da redacción deste contrato, que opta a posible financiamento europeo con fondos Next Generation ou FEDER 21/27, consultarase aos municipios nos que se acometerán as sendas, tal como se fixo nas fases anteriores noutras comarcas. Para o impulso destes itinerarios peonís e ciclistas, tómanse en consideración criterios como a localización das estradas con respecto a núcleos de poboación ou servizos e equipamentos. Tamén se teñen en conta as características particulares das vías, a integración ambiental ou a mobilidade alternativa actual.
No caso de cada bisbarra, realizarase un estudo inicial de identificación de posibles sendas, relacionando os focos de atracción de peóns e ciclistas cos seus puntos de xeración correspondentes. Identificaranse as sendas existentes, as planificadas e os tramos onde sería axeitado implantalas.