> Silleda |Febreiro 2024

A nova alcaldesa de Silleda comezou unha xeira de reunións veciñais polas parroquias

O obxectivo do goberno local é explicar actuacións municipais e escoitar aos veciños e veciñas

> Redacción

Logo da súa toma de posesión coma nova alcaldesa de Silleda, Paula Fernández vén de comezar unha xeira de encontros veciñais en todas as parroquias co obxectivo do goberno local de trasladar información arredor de actuación municipais en marcha e coñecer de primeira man as demandas e cuestións que os veciños e veciñas queren trasladarlle aos mandatarios locais. Estes encontros comenzaron na última semana de febreiro nas parroquias de Laro e Refoxo.

Deste xeito, dende o goberno local explicaron que farase unha axenda de reunións polas parroquias de maneira gradual, tendo coma punto de encontro os centros sociais das distintas localidades que conforman o rural silledense. O obxectivo é explicar as liñas de acción do goberno e informar á veciñanza sobre diferentes cuestións de interese coma o cambio de luminarias LED ou os servizos municipais (Liña Verde, Silleda Sostible, Silleda Activa …). Estas visitas tamén servirán para escoitar suxerencias, peticións e posibles incidencias que solucionar, ademais de resolver dúbidas.

“Tal e coma anunciei no pleno de toma de posesión, retomaranse as reunións veciñais no rural para manter o contacto directo ca veciñanza, para coñecer de primeira man as necesidades do rural e tamén informar de distintos servizos e a acción do executivo silledense”, explicou a alcaldesa Paula Fernández.

 

Melloras rurais

Por outra banda, dende o Concello de Silleda informaron de que tamén no marco da acción no rural, veñen de rematarse nos últimos días os traballos de mellora e acondicionamento ao núcleo de Currospedriños, na parroquia de Refoxos. A alcaldesa, Paula Fernández, visitou acompañada dos concelleiros de Vías e Obras e Medio Rural, Antonio Ferro e Jesús Taboada, os traballos cos que se pavimentou o acceso ás vivendas desta aldea, mellorando sustancialmente esta entidade de poboación.

Ademais, o goberno local anunciou que tamén nos vindeiros meses continuará con distintos traballos na rede viaria do rural e outros servizos. 

As obras da senda peonil entre Toiriz e a N-525 en Silleda avanzan a bo ritmo

Ten un investimento de 799.000 euros, logo do convenio asinado o ano pasado coa Deputación de Pontevedra

> Redacción

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, visitou en febreiro as obras para a construción da senda peonil na vía que une o núcleo de Toiriz coa conexión coa N-525, á altura da rotonda homenaxe á Muller Labrega. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Covsa, foi proposto polo goberno local o cal asinou un convenio coa Deputación de Pontevedra. Este acordo entre ambas institucións supón un investimento de 799.000 euros para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade neste tramo de case 1,5 quilométros na E7201, serán asumidos nun 80% pola entidade provincial e o 20% dende o Concello de Silleda. O tramo de sendas, ao longo da EP-7201 mellorará a seguridade nesta zona, atravesada polo Camiño de Santiago, así como o tránsito peonil continuo ata Toiriz, o IES Pintor Colmeiro, o cemiterio municipal e o parque das Pedrosas, entre outros. A senda peonil na EP-7201 terá un ancho de 2 metros e estará acabada en formigón coloreado. Discorrerá en todo o percorrido polo lado próximo ao centro urbano de Silleda, dando continuidade ás anteriores actuacións de mellora da mobilidade acometidas e impulsadas pola Deputación.

 

Paso elevado

As obras tamén inclúen un novo paso peonil elevado para o cruzamento da estrada EP-7201 (coincidente co Camiño de Santiago), a execución de sumidoiros, pozos de rexistros e tubaxes para a drenaxe da vía, así como obras de saneamento en toda a zona, incluídas as vivendas localizadas no tramo da estrada. Ademais, soterrarase o alumeado público, nunha lonxitude de case un quilómetro, colocaranse 40 novas columnas e luminarias con canalización soterrada e luminarias LED de alto rendemento para garantir a seguridade en horario nocturno.

Así mesmo, a Deputación tamén cede á entidade local a titularidade dun pequeno tramo nas inmediacións desta vía: a chamada rúa a Forcarei, entre a rotonda de acceso ao IES e a rúa da Chousa Nova, que se arranxará a través do proxecto Camiños Escolares, financiado a través do programa DUS 5000, con fondos europeos.

Segundo dixo a alcaldesa, “trátase dunha actuación que continuará mellorando a mobilidade peonil e a seguridade das persoas no casco urbano de Silleda”. 

Paula Fernández será vogal na Comisión de Seguridade Cidadá da FEMP

Silleda pon en marcha o plan estratéxico para implementar a Axenda 2030

> Redacción

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, acaba de ser nomeada como vogal na Comisión de Seguridade Cidadá e Protección Civil da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A FEMP é a Sección Española do Consello de Municipios e Rexións de Europa (CMRE) e sede oficial da Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal (OICI).

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, será a encargada de representar Silleda nesta comisión, o que permitirá obter unha proxección política do municipio a nivel nacional e mesmo europeo. O Concello de Silleda tamén forma parte da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), incluída a súa vez na FEMP.

 

Axenda 2030

Por outra banda, o concello de Silleda vén de poñer en marcha a redacción do plan estratéxico que permitirá implementar os ODS da Axenda 2030 no municipio. Elaborarase a través da subvención por importe de 57.345 euros concedida polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Silleda foi o único Concello galego en obter esta subvención. No listado de entidades beneficiarias só figuran as Deputacións de Pontevedra e Ourense.

Para definir e redactar este plan estratéxico vanse levar a cabo dúas fases. A primeira, unha diagnose local para coñecer en que punto se atopa o municipio, cal é a realidade, cales son os retos e as necesidades, ademais de facer unha análise DAFO, enquisas e recoller información procedente de fontes primarias e secundarias.

A segunda fase, que estará durante todo o proceso, é o deseño e implementación da campaña de comunicación para concienciar, informar e fortalecer as capacidades do que se coñece coma actores locais (políticos, técnicos, sociais, empresariais e cidadanía en xeral) e aumentar a súa participación.

Estes dous procesos están xa en fase de licitación. Con este plan estratéxico o Concello pretende crear unha folla de ruta para así mellorar o desenvolvemento do municipio cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e transformar a sociedade actual nunha máis sostible, xusta e inclusiva. 

O Concello contará con 10 novos operarios a xornada completa durante nove meses

En marcha os preparativos para o Rallysprynt de Silleda o vindeiro mes de maio

> Redacción

O Concello de Silleda contará cun total de 10 persoas como novas operarias por un periodo de 9 meses. Esta contratación levarase a cabo a través da Liña 3 do programa Máis Provincia, da Deputación de Pontevedra. En total a subvención outorgada para estas contracións ascende a 164.769,30 euros. Neste exercicio, a oferta inclúe unha praza de condutor/a de camión, 2 para condutor/a de tractor e outras 7 persoas como peóns para a realización de tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Deste xeito trátase dos postos que ten solicitado o Concello de Silleda a través deste plan provincial dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, adicaráse no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos nos vindeiros meses.

A comezos deste mes de febreiro, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases que rexerán no proceso de selección destas persoas, e que se realizará a través do Servizo Galego de Colocación, (Oficina de Emprego), que enviará aos candidatos/as para realizar despois no Concello un concurso de méritos e entrevistas. Estes contratos laborais serán a tempo completo, de 37,5 horas semanais.

 

Rallysprynt

Por outra banda, A directiva da Escudería Silleda mantuvo un encontro co goberno municipal a fin de avanzar na organización do primeiro Rallysprint de Silleda, que se celebrará o vindeiro 18 de maio, no marco do calendario galego da competición. A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Deporte, Mónica González, mantiveron unha reunión cos integrantes da escudería, que preside Juan Pablo Cagide, ao que tamén asistiu o inspector da Policía.

Nas vindeiras semanas dende o Concello anuncian que tamén está previsto manter un novo encontro para seguir avanzando no operativo de seguridade, así como as comunicacións sobre a afección de vías á veciñanza. Dende o Concello de Silleda Paula Fernández destacou a labor desta nova entidade deportiva do municipio “que está a traballar arreo para que o noso municipio volva ter unha proba automovilística propia, algo que axudará tamén a dinamizar o territorio tamén dende o punto de vista socieconómico”. A rexedora amosou o apoio do Concello a esta proba deportiva.

O Concello porá en valor a zona de Pozo do Pego á beira do río Deza

Presentará un proxecto á convocatoria de sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000

> Redacción

O Concello de Silleda aposta por continuar poñendo en valor as áreas naturais do municipio. Así, e no marco da convocatoria das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), presentará unha iniciativa para actuar na zona de Pozo do Pego, na parroquia de Vilar. Trátase dunha fermosa zona á beira do Deza, nun tramo onde o río anchea entre Vilar e Noceda, xa no municipio de Lalín. Ademais deste remanso, a área conta na zona máis estreita cun fermoso salto de auga onde se atopan unhas antigas tostas, excplican dende o consistorio de Trasdeza.

A proposta do Concello de Silleda pasa por sinalizar dende Vilar a chegada a esta área natural, na que está previsto realizar unha intervención mínima para mellorar o tramo de acceso final, e limpar e mellorar o acondicionamento da área recreativa xa existente. Con esta actuación Silleda contaría cun novo espazo de lecer e natureza tanto para os veciños e veciñas coma un novo atractivo turístico do municipio.

 

Primeiros traballos

Este mes de febreiro a alcaldesa, Paula Fernández, e a tenente de alcaldesa, Mónica González, visitaron a zona na que se pretende acometer esta actuación. “Comezaremos ca sinalización e unha pequena intervención para mellorar os accesos, co obxectivo de poner en valor e dar a coñecer esta fermosa área fluvial ca que contamos no municipio de Silleda”, explicou Fernández Pena. Tamén está previsto seguir acometendo melloras en outras áreas fluviais como a Xunta dos Ríos de Cira, ca renovación do mobiliario existente e a continuación das melloras iniciadas co programa Deza Circular, segundo informaron dende o goberno local. 

Silleda e a Fundación Roberto Rivas colaboran na dinamización do tecido empresarial local

A mellora dos viais de Saídres, Breixa e Laro contará cun investimento de preto de 224.000 euros

> Redacción

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, reuníronse esta mañá para establecer novas vías de colaboración entre as dúas institucións. A primeira acción que levarán a cabo será a redacción dun acordo de colaboración. Un dos obxectivos clave é a dinamización do Viveiro de Empresas. “Dotar ao Viveiro de Empresas de máis actividades para captar novos e novas viveiristas é o noso obxectivo principal”, sinala a alcaldesa Paula Fernández.

Ambas entidades pretenden crear sinerxias para así dotar a este espazo municipal de iniciativas relacionadas coa formación e divulgación en cuestións empresariais. Tamén se quere converter ao Viveiro nun centro referente no mundo empresarial na comarca do Deza. Ademais, queren establecer medidas vinculadas co cumprimento dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) para que tamén a cidadanía sexa máis consciente e comprometida con este tema. Ambas institucións coinciden en que Silleda é un Concello emprendedor. Polo tanto, de cara ao futuro, van desenvolver políticas de innovación, en materia empresarial e de participación cidadá. Deste xeito, séguese apostando pola iniciativa emprendendora e o talento da poboación silledense.

 

Mellora de viais

Por outra banda, o Concello de Silleda porá en marcha o plan de mellora dos viales en tres puntos de acceso a lugares situados nas parroquias de Saídres, Breixa e Laro. Esta actuación enmárcase nunha convocatoria autonómica, dentro do Plan de rehabilitación de camiños en zonas de concentración ou restruturación parcelaria 2023-24, cofinanciado tamén a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Debido ao deterioro da capa de rodadura, procederase a arranxar o acceso de Breixiña en Breixa, o de Maragouzos en Saídres e o de Pereira en Laro. O investimento total será de 223.750,31 euros.

A execución destas obras non será unha actuación illada, xa que o Concello continuará mellorando a extensa rede viaria de titularidade municipal. Nos próximos meses acometeranse tamén outras reformas en diferentes vías e infraestruturas ubicadas no rural silledense, segundo avanzan dende o goberno local.

Trasdeza celebra un Nadal cheo de actividades até o 6 de xaneiro

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es