> Se ti vira-lo que eu vin | Agosto 2018

Póñenlle unha coroa e un ramo a un policía local

Cada un ten o que se merece como din por aí, ou as veces algún aínda ten máis do que se merece. O caso foi que un axente da policía local da comarca, que leva unha vida o servizo do común, apareceulle unha sorpresa de agasallo no portal da súa casa. O tema non é de moi bo gusto, segundo parece, pero as cousas pasan como pasan e así as hai que contar, porque, como sabedes, Bartolo non ten pelos na lingua, aínda que iso non sexa do agrado de todos. Pois ben, como vos conto, este policía local, que exerceu na zona, e agora esta xubilado, atopouse no portal da súa casa unha coroa de flores colgada a unha altura considerable, e máis abaixo un ramo mais pequeno, que fixo que o home montara en cólera e comezara a indagar polos arredores, para ver quen puido ser o autor ou autores destes feitos que non son do agrado de ninguén. Aínda que indagamos sobre o comportamento deste axente, non podemos determinar se este feito corresponde a un recoñecemento a súa labor profesional ou responde a outras historias, que de momento se nos escapan da onda informativa. De tódalas maneiras, o tema da que pensar, e cada quen xa vai sacando as súas conclusións. 

Vende años na taberna a 50 euros e logo cóbraos a 70

Poderíase dicir que as contas da taberna non dan coas da casa, parafraseando outro refrán que di “que as contas da casa non dan coas da feira”. No caso que nos ocupa, o que non lle dan as contas é o que compra, pero o que vende si lle dan, e con moito por riba do pactado, segundo parece. Pois o noso vendedor tabernario pretende enganar os seus clientes con patrañas que as veces non solen levar a bo porto. Resulta que este criador de años anda polas tabernas da comarca intentando vender os seus animais a quen se interese por eles, e mentres toman uns viños os años que lle ofrece os posibles compradores teñen un prezo de 50 euros, e os que deciden comprar pactan ese prezo e queda a cousa así. Pero cando o comprador se acerca a casa do vendedor para levar o animal, este reclámalle vinte euros máis por distintos conceptos que el lle engade para que non pareza unha estafa, e acaba cobrándolle 70 euros. Polo que sabemos algúns xa lle teñen deixado o año na casa, pero moitos abonan a diferenza e lévano, por iso de momento a cousa vaille funcionando, mentres non atope con un que lle desfaga os fociños, que de todo hai na viña do señor.

Organizan unha festa de confraternidade e acaban a golpes

Claro que o resultado das cousas non sempre é o esperado, pero tampouco se prevé que a variación sexa tan grande que non se pareza en nada o obxectivo primeiro para o que foi creado. No caso que nos ocupa, a intención era boa, e parecía que ía resultar beneficiosa para tódolos presentes, pero quizás non tiveron en conta as distintas respostas personalizadas que podían xurdir despois dunha noite de festa. A idea era manter unha xuntanza veciñal e armónica para tratar de cicatrizar algunhas feridas que había na aldea, e organizouse unha festa con comida e música para que a cousa estivera a altura, e ninguén se puidera queixar do evento. E todo foi indo ben ata pasada a media noite, en que as copas foron facendo o seu efecto pernicioso e sacaron a relucir os prexuízos de cada quen, e entón foi cando se comezou a armar unha marabunda de coidado, onde a metade dos asistentes acabaron a golpes, e non resultou doado parar a trifulca que foi sonada. Non sabemos se os organizadores desta festa benéfica lle quedaría gaña de facer outra parecida. 

> Se ti vira-lo que eu vin | Xullo 2018

Fai o servizo de semental no catro L

Un veciño da comarca que sempre anda arelando negocios novos e posiblemente rentables, estaba un día discorrendo como gañarse a vida sen facer moita inversión nin matar moito o corpo, e de súpeto viulle unha idea á cabeza que lle pareceu xenial. Resulta que el xa tiña por aquel entonces unha pequena granxa familiar de porcos e un catro L para o seu servizo particular e máis para o que cadrara. Entón pensou que o negocio tíñao na man, posto que había por aquel entonces moita demanda de porcos sementais nas aldeas, onde tiñan que andar moitos quilómetros para levar a porca ó porco, o que supoñía un grande esforzo á hora de aparear o animal. Pero o noso protagonista ideou un sistema eficaz a domicilio, que consistía en cargar o porco semental na traseira do catro L e ir polas aldeas da contorna, ás casas que o chamaran, para cubrir as porcas que fora preciso. E así se gañou a vida durante un tempo, ata que algúns deron en descubrir o tema e tivo que cerrar o servizo se non quería atoparse con problemas maiores, e así foi como rematou o negocio do noso veciño, que por certo non tardou moito en atopar outro parecido.

Mándanlle desbrozar a leira e desbroza as patacas tamén

Dende que comezou este frenesí polo desbroce, parte provocado, parte incentivado, teñen pasado cousas moi curiosas coma a que imos contar neste relato. Como un non pode estar en todo, normalmente encárgaselle a un empresario coñecido ou de confianza que vaia desbrozar tal ou cal leira, que xa el sabe onde está e como ten que facer o seu traballo, ou iso debería ser; pero as cousas non sempre saen como un quere ou pretende, e ó mellor ese empresario, que tamén anda a correr e non da feito nesta época, manda a un empregado ó cal se lle supón a profesionalidade e confíase no seu traballo. Pois este debeu de ser o caso que lle pasou a un veciño da comarca, que unha vez que entendeu que a finca estaba desbrozada, foille botar unha ollada antes de pagar os traballos realizados, e cal non foi a súa sorpresa ó achegarse a leira e ver tódalas patacas arrasadas pola desbrozadora igual que a silveira dos arredores. O home votou as mans á cabeza e chamou ó empresario para pedirlle explicacións sobre o acontecido. A cousa non era para menos, por non distinguir as patacas das silvas, pero habelos, hailos. 

Convídanos a café e acaban botándoos

Era o día da festa nun pobo do lado, e un grupo de amigos andaba despois de comer dando unha volta polo pobo e de paso tomando cafés e copas para pasar a tarde. Como eran moi coñecidos, ós mozos non lle faltaba quen os convidara, e nunha casa e noutra foron tomando e divertíndose, ata que nunha delas tiveron un pequeno atranco por mor do seu comportamento un pouco abusivo, segundo contan os asistentes. Resulta que os mozos que foron convidados por amigos do lugar a tomar café, entraron nunha das casas onde aínda quedaban os invitados do mediodía facendo a sobremesa, logo como se adoita nas festas. Os mozos tomaron o primeiro café e xa comezaron a armar barullo coma se estiveran sós, e cando o dono da casa viu que o tema non ía ben, trazou unha estratexia. Os convidados pediron máis café e o da casa preparoullo con pementa e logo servíullelo. Cando tomaron os primeiros grolos comezaron a sentirse mal e empezaron a saír un por un, e largaron cadaquén por onde puido, e o da casa ficou tranquilo coma antes de vir eles, pero non contaba de ter que aplicarlle esa medida disciplinaria.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Arenal 1 Entrechán - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es

O Periódico | Lalín e Comarca en redes sociales :