> Rodeiro|Febreiro 2024

O goberno local define actuacións por preto de 700.000 euros en futuras infraestruturas

Piden á Consellería de Presidencia 120.000 euros para a rehabilitación enerxética do consistorio

> Redacción

A xunta de goberno local de Rodeiro vén de ultimar o financiamento preciso para levar a cabo distintas infraestruturas e actuacións en todo o municipio por importe total de preto de 700.000 euros. Así o bipartito cambote solicitou unha axuda de 119.998 euros á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia para acometer a rehabilitación enerxética da envolvente térmica do consistorio. Esta intervención xa ten un proxecto aprovado e valorado en 150.000 euros.

A maiores, o goberno local iniciou o expediente de contratación da obra de mellora dun camiño rural en Vistuíde, na parroquia de O Az, por importe de 101.076 euros. Estes traballos contan cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) de 83.534 euros. Esta axuda chegará a Rodeiro en dúas anualidades, unha de 28.997 euros e a outra de 54.537.

Nesta planificación de actuacións por parte do goberno local, Rodeiro acordou solicitar á Deputación de Pontevedra cambiar o destino de tres axudas concedidas ao abeiro da liña 1 do Plan de Obras e Servizos 2023, que suman 426.249 euros. Son a de 48.339 euros para mellorar lavadoiros en Laxas, 200.000 para a fase 4 do edificio polivalente e 177.910 para mellorar vías municipais en Rubiás e Guillar.

Estas tres axudas suman máis de 426.000 euros, cos que o goberno local cambote agarda poder acometer a pavimentación en camiños e accesos de Salto, Rodeiro, Guillar e Álceme por 377.910 euros, ademais da mellora dun camiño en Vilela, por 48.339 euros. A Xunta de goberno local decidiu que estas actuacións son máis urxentes e non contan con financiamento para levalas adiante.

 

Conciliación

Por outra banda, este mes de febreiro os participantes no programa de conciliación de Rodeiro, xestionado pola empresa Enrédate, fixeron un obradoiro de metais vencellado á cultura castrexa. Esta actividade incluiu unha visita dos nenos e nenas ao castro de Rodeiro, ademais de actividades de fundición de aleacións de plata en moldes de barro cos que simularon elaboración de ferramentas da época. Os 30 nenos e nenas que participan neste programa coñeceron ademais lendas castrexas. 

O Rali do Cocido volta a Rodeiro na súa XXVIII edición o vindeiro mes de abril

Alberte Lamazares anunciou un acordo coa organización que porá fin a dous anos de ausencia da proba en terras cambotas

> Redacción

Rodeiro recuperará este ano a súa presenza no Rali do Cocido. Logo de dous anos de ausencia de tramos no concello cambote, o novo concelleiro de Economía e Deportes, Alberte Lamazares, vén de anunciar este mes un acordo coa organización do evento deportivo para que Rodeiro volta aos itinerarios das distintas probas do Rali. Será a XXVIII edición deste evento deportivo. Segundo explicou Lamazares, as negociación coa organización do evento leváronse a cabo o pasado mes de decembro, e xa hai un acordo para a volta de Rodeiro a esta competición, con “novidades” anunciadas tanto polo concello coma pola organización que se irán coñecendo nos vindeiros meses. As últimas dúas edicións do Rali do Cocido non pisaron Rodeiro logo de que a organización lle afeara ao anterior goberno local unha débeda coa proba dos tres anos anteriores por importe de 6.000 euros. Agora, co cambio de goberno municipal, a Concellería de Deportes retomou as conversas coa organización deste Rali para tentar solventar os problemas herdados ao respecto da proba co Concello de Rodeiro. Lamazares aproveitou para “pedir desculpas” aos organizadores en nome de todos os veciños e veciñas cambotes.

 

Impacto social

Ademais, dende o goberno local consideran que a volta desta proba ao municipio “vai ter un gran impacto social, ademais de no lecer, no comercio e na economía local”, destacou Lamazares. Quixo tamén o goberno local poner en valor o traballo levado a cabo tanto pola Concellería de Deportes coma pola organización do Rali do Cocido, convencidos de que “un evento deportivo destas características vai ser do agrado de todos e todas os veciños e veciñas”.

As inscripcións para este XXVIII Rali do Cocido están xa abertas e pecharánse o vindeiro 25 de marzo. O día 28 de marzo coñeceráse a lista de participantes inscritos. En Rodeiro agardan as novidades ao respecto da súa volta ao itinerario desta proba, que segundo avanzou Lamazares terán moito que ver co deseño das probas e o horario das mesmas.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es