Construir unha sociedade máis levadeira

> Manuel N. Fiuza 

Cando es máis novo arelas cousas grandes e pensas en desenvolver grandes proxectos, en definitiva cambiar a sociedade, porque normalmente á que está non che convence. Nun principio esa idea non está mal de todo e sería moi bonita se fose posible levala a cabo, tal e como a pensas, pero de repente todo cambia cando se tropeza coa realidade das cousas, que son tercas e cámbiano todo. Soñar en grande é san, pero distanciándose o suficiente da realidade circundante. Penso e digo todo isto para ir máis ao práctico, falando das cousas que nos pasan a diario, porque cando vas levando labazadas e fracasos dáste de conta que o mundo non se pode cambiar de golpe, nin tampouco dun día para outro, entón cambias de estratexia se queres que as túas teses triunfen, sequera moderadamente. Pasado o tempo, vaste dando de conta que a realidade social non a cambia un só, pero si é posible cambiala con varios feitos comunicados na mesma dirección. Por pouco que observemos ao noso arredor, ímonos dar conta de que hai persoas que están tirando do carro para facer que esta sociedade mellore, ás veces con pequenos detalles, pequenas accións ou actitudes que pouco a pouco contan para que as cousas cambien para mellor. Nesta liña, véñenselle facendo algúns recoñecementos a certas persoas do noso entorno que contribúen para que a sociedade se faga máis levadeira e máis humana. Porque hoxe dámonos de conta que as pequenas cousas en positivo suman e favorecen, nos empuxan sempre cara adiante aínda que non o notemos de súpeto. É imprescindible para conseguir unha sociedade mellor que todos poñamos o noso gran de area, ou polo menos, que non poñamos trancas no camiño a quen está disposto a facer cousas. 

O pudor e as zorras

> Ángel Utrera (veciño Agolada)

Segundo a definición da Real Academia da lingua, o pudor è; ”un sentimento de reserva cara ao que pode ter relación co sexo”, e así vense considerando unha aldraxe ao pudor, os actos, escritos, imaxes ou verbas que poidan ofender a moralidade sexual dunha persoa, ou a orde moral sexual colectiva. O profesor G.Marañon, escribiu bastante antes ca min: “Prefiro a critica intelixente ao pudibundo respecto polas cousas.” Eu engadiría que teñan que ver co sexo.

Penso ademais que coa idade este senso medra, quizais polo aumento da capacidade de sufrir o que é o medo ao ridículo, e ao que dirán. Dende logo non nos sentimos moi orgullosos de mostraren o noso corpo espido e temos reticencias aos nús dos demais. Pero ás veces, aínda recoñecendo que isto e así, e dende logo para min é absolutamente respectable e comprensible, pregúntome: Que hai de malo no nudismo?. Non é peor a estupidez?.

Sentimos pudor diante da “Maja Desnuda” de Goya, o diante das “Tres Gracias” de Rubens? Debe producirnos vergoña mirar o corpo da “Victoria de Samotracia”, ou “Os náufragos da Medusa”, as mulleres de Modighlioni, ou de Santiago Botero? Todo o mundo coincidiría en que iso e arte, ¿non si? E ninguén se escandalizaría. Outra cousa é a provocación directa coma xeito de sacar beneficio sexa do tipo que sexa.

De calquera maneira non estou a falar deste pudor que de súpeto todos nos pensamos. Falo do pudor que algúns de nós sentimos ao expresar os nosos sentimentos e opinións, porque a opinión común ou o politicamente correcto vai por outro camiño e non queremos de ningún modo que nos podan encadrar na “fachoteria”, da que agora lle deu por falar, coma unha ocorrencia mais ao noso presidente Sánchez, sempre tan ocorrente.

Falo deste pudor auto imposto, coma a peor das censuras ao que dirán ou pensarán, se digo ou penso o contrario a liña politica deste ou aquel. Porque “zorras” e mais “zorros”, habelos hainos, coma as meigas, pero tampouco hai por qué levar na fronte un cartel de aviso, aos demais non nos importa, nin precisamos sabelo, pero ollo con dicir ou manifestarte e moito menos posicionarte en contra, moito ollo co erro, porque entón xa sabes, eres facha e antifeminista total e absolutamente perdido.

Eu non me escandalizo, non teño pudor por un corpo espido tomando o sol, pero si, e cada vez mais, pola manipulación de grupos e correntes de opinión interesada e pseudo democrática que nos obrigan sibilinamente a pensar e actuar coma “zorros” no monte.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es