Maio 2017  > Xosé Carlos Carracedo Porto

Resaca das Letras Galegas: carta aberta ás galegas e galegos

Atrás queda o día das Letras Galegas. Durante esa xornada homenaxeamos a Carlos Casares e á lingua, que recibe unha importancia necesaria, unha importancia que se lle nega o resto do ano.
Estaredes de acordo comigo co carácter de excepcionalidade que goza o dezasete de maio. Os medios de comunicación énchense de galego, compartides fotografías nas vosas redes sociais e lembramos xuntos –agás Gloria Lago e secuaces– que a lingua é o piar fundamental da nosa cultura. É unha xornada especial porque falamos do noso con orgullo, con alegría e mesmo logramos que algúns esquezan o perigoso autoodio.
Ás veces penso que o día das Letras Galegas é un gran bico colectivo, un erótico festival de amor, unha orxía de tenrura e aloumiños, unha definición de país. E si, hai quen intenta derrubar a festa do noso abecedario, mais cuestiónome: acaso uns pequenos paraugas poden deter o noso orballo? Non, e ademais ficarían enchoupados. Non temades!
A min gustaríame que puideramos vivir tódolos días esa vitalidade. Que a miña cultura funcionara  tanto nos escaparates como dentro das nosas vidas sempre, non só nesa sinalada e “privilexiada” data. 
Digo isto porque, en ocasións, intúo que algunhas e algúns sufrides por sentirvos de aquí, por amosalo. Maldita presión social, verdade? Non estades sós. Moitas e moitos empezaron así, pasiño a pasiño para poder trotar, para poder galopar, para poder dicir que non se avergoñan da cultura que mamaron. Rachar coas cadeas non sempre é sinxelo, mais é necesario se queremos ser libres.
É comprensible que ao principio custe, pero o medo desaparecerá cando non sexa quen de alimentarse das vosas emocións. Por iso mudará todo cando ti deas o primeiro paso, o difícil, o que alimentará ao resto do camiño. O segundo paso será máis sinxelo e cando o penses estarás correndo sen temor.
Teño lido na prensa que o idioma resiste, que a pesar de que cada vez somos menos as persoas que falan galego continuamos a ter un dique. Pode ser, eu non son estadista. 
Soñando penso que a cuestión é que non precisamos diques –a pesar de que nestas circunstancias son inevitables–, porque marcan unha separación, deteñen a auga que enchoupa e frean o galope do idioma que perseguimos. Precisamos unha vangarda. Unha conquista das bocas de tódolos galegos e galegas. Para deixar de falar castelán? Que non se pensen parvadas. 
Queremos máis bocas para degustar a lingua propia. E por favor, que non vos asuste falalo mal. Eu mesmo teño urxencia por aprender inglés e non vou deixar de parolar horriblemente até que me corrixa. Sen erros non hai acertos nin aprendizaxe. Que as institucións e os colectivos sociais axuden, que se modifiquen as leis –como a do plurilingüismo– para propiciar que degustemos a lingua. Para que todas e todos aprendamos a degustar. Xa dicía Álvaro Cunqueiro que unha lingua ten que saber a pan, e ningún pan é como o do país.

Febreiro 2017  > Xosé Carlos Carracedo Porto

O talento dos youtubers

Instantáneo, veloz, áxil, dinámico, novo. Son moitos os apelativos para describir Youtube. Os creadores máis famosos, popularmente coñecidos como youtubers, gáñanse a vida subindo vídeos a esta plataforma. A día de hoxe, moita da mocidade occidental soñou con ter esa realidade laboral, pero: hai talento nesas publicacións? 
Francamente, dicir que todo o contido audiovisual que proporciona o mundo dixital non serve para nada sería inxusto e parcial. Claro que hai bo contido, tamén malo. 
Quizais carezamos da perspectiva histórica precisa para ter certezas sobre esta nova era, mais podemos reflexionar, analizar e intentar sacar conclusións.
Moitos dos vídeos que atopamos na rede están acumulando máis audiencia que a maioría de programas de televisión. Pero de que tratan? Hai de todo: cantantes, documentais, música, entrevistas, fragmentos de películas, vídeos de viaxes, debuxos animados, etc. O contido dos creadores varía, porque non é o mesmo un vídeo de Youtube que un vídeo feito por youtubers. Hai quen comenta a situación política do país, programas de deportes e mesmo comentaristas das súas partidas de videoxogos, entre outras moitas cousas. 
A súa fama é outorgada por un público que vai, aproximadamente, dende os seis até os corenta anos e o seu punto álxido está na mocidade adolescente e en idade universitaria. ElRubius, Dulceida, AuronPlay, YellowMelo… Son moitos os ídolos desta nova era que iniciou a revolución informática.
Nunha entrevista a ElRubius, que é dos creadores máis populares no mundo hispano, asegurou algo así como que os youtubers son os novos Beatles. Moita xente levou as mans á cabeza, pero vendo a cantidade de seguidores que poden chegar a congregar observamos que non é unha tolería. Realmente están de moda, marcan tendencia e son adorados. 
A fin de contas, volvo á cuestión: son bos? Falaremos nuns anos dos seus vídeos como lembramos agora a canción Yellow Submarine? Como descoñezo o que pensarán as persoas do futuro non sei se serán lembrados, pero hai que valorar a capacidade que teñen para resultar atractivos a tantas persoas, pese a que moitas manifestacións populares son obxectivamente malas. Esta o é? 
Pode que moitos vídeos non teñan a mellor iluminación e o son, pero non son poucos os que o perciben como un contido fresco, innovador, natural. Non están escasos de talento como asegura moita xente, tampouco son xenios como manifesta outra. Deixémolo en que, como dicía Andrés Montes, o talento está baixo sospeita.

Xaneiro 2017  > Xosé Carlos Carracedo Porto

José Luis Sampedro

O un de febreiro de 1917 naceu José Luis Sampedro. Por esa razón, este é o ano do seu centenario, mais para explicar ben quen era non chegarían as páxinas do xornal. Hai que ir aos seus libros, ás súas entrevistas, ás súas ensinanzas. O que pretendo é elaborar un pequeno bosquexo totalmente persoal e subxectivo porque un, con Sampedro, non é quen de ser obxectivo. É o que sucede co que queremos.
Chamárono, e chámano, escritor, pensador, economista, etc. El encadrouse nestes cualificativos e sobre todo no de referente, por sabio. Segundo Sampedro a sabedoría consiste na arte de vivir, non de facer cousas, senón de vivir.
Durante o seu periplo vital foi moi crítico co poder que ten o diñeiro na nosa sociedade. Sostiña que, desgraciadamente, é o valor máis importante, por riba da propia vida. Por esa e outras razóns, sabedoría e cartos son termos antagónicos. Nestes tempos, resulta estraño que alguén sexa admirado por ter un elevado coñecemento vital. Prefírese a erótica do capital, estar forrado. O soño de ganar unha aposta ten máis que ver con alimentar a conta corrente que o espírito.
É difícil ser sabio. Supoño, e só supoño, que para selo hai que escoitar, viaxar, ler, observar e vivir moito. Ter a humildade suficiente para ser sempre un aprendiz dun mesmo, pois dentro dun está todo o que somos quen de abarcar  –como dicía o protagonista deste artigo–.
Lembro como no libro “El río que nos lleva” relataba con gran precisión a mentalidade dos gancheros do río Texo. Como, sendo ateo, escribiu nunha desas páxinas un texto eclesiástico que foi reproducido nas misas de numerosos curas. Mil historias enredaron o fío dese río que bañou a madeira até Aranjuez –onde o autor descubriu a literatura–. Canta sabedoría almacenaría cando tomaba notas nos lugares físicos nos que transcorre a novela?
Confeso que admiro moitísimo a José Luis Sampedro porque reúne moitos dos valores que considero fundamentais para que, por fin, poidamos avanzar como civilización. Un dos aprendizaxes que me transmitiu o seu pensamento foi o de que nos desenvolvemos moito no aspecto técnico, pero non no humano. Porque continúan existindo guerras, disputas violentas, loitas de poder, enfrontamentos co noso planeta, coa nosa fauna, cos nosos veciños e cos que son diferentes. A nosa civilización non está civilizada. 
Non son ninguén para enunciar os segredos para lograr a arte de vivir. Intúo que Sampedro aprobaría que fosen ocupados por: tolerancia, empatía, principios éticos, levarse ben cun mesmo, sensibilidade e sobre todo vida, respectar a vida. 
Estás apuntada ou apuntado neste ronsel? 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Arenal 1 Entrechán - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es

O Periódico | Lalín e Comarca en redes sociales :