> Lalín |Xullo 2019

Crespo recupera a Alcaldía de Lalín

O novo alcalde tendeu a man á oposición para “traballar xuntos por Lalín”.

> Redacción

Logo de catro anos apartado da Alcaldía de Lalín, dende que conseguirá a súa primeira maioría absoluta no ano 1991, o popular José Crespo volve a ser o rexedor do quilómetro cero de Galicia. Crespo conseguiu o pasado 26 de maio unha nova maioría absoluta que lle arrebatou a Alcaldía a Rafael Cuíña. O cambio chegou catro anos despois de que o fillo de José Cuíña no ano 2015 desbancara a José Crespo do seu feudo. Unha lexislatura na oposición chegoulle ao popular para recuncar co bastón de mando lalinense.
O 26 de maio, o PP de Crespo obtivo 11 concelleiros, Compromiso por Galicia con Rafa Cuíña á cabeza acadou 5 edís, 4 foron para o PSdeG de Santalla e o BNG de Paco Vilariño mantivo o seu concelleiro. Foi APAC, ata agora socio de goberno de Cuíña, quen perdeu a representación no Consistorio lalinense, iso sumado ao descenso do partido do ex alcalde chegou para que Crespo recuperara a maioría absoluta na capital do Deza.

 

Pleno de investidura
Logo dos resultados electorais, José Crespo Iglesias foi proclamado novo alcalde de Lalín o pasado 15 de xuño ás 12.25 horas, grazas aos once votos dos concelleiros do PP. Na sesión de investidura optaron á alcaldía Crespo e Rafael Cuíña, que logrou 9 apoios: os cinco do seu partido de CxL e catro do PSOE, mentres o BNG votou en branco. Nun consistorio abarrotado de público coa chamada dun novo cambio político no municipio, Crespo aproveitou a toma de posesión para tenderlle a man á oposición neste novo mandato, e por iso pediulles a todos os concelleiros electos “traballar xuntos por Lalín”.
Ao pleno de investidura da capital do Deza acudiron o conselleiro de Cultura e veciño de Lalín, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Xunta de Galicia e secretario provincial do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda. Ambos destacaron a importancia para os populares de recuperar un feudo simbólico e da importancia que ten o Concello de Lalín. 

Os “Trens Turísticos de Galicia” estrean ruta polos Camiños de Santiago

Ten ata 12 itinerarios temáticos diferentes que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias.

> Redacción

Este ano 2019 será a sétima edición dos Trens turísticos de Galicia, unha das propostas máis exitosas dos últimos anos e que este ano incorpora unha nova ruta polos camiños de Santiago para descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Inglés, do Camiño do Norte, do Camiño Francés e do Camiño Primitivo.
O novo itinerario que bota a andar por vez primeira nesta edición achega aos viaxeiros á realidade viva das peregrinacións xacobeas. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorre así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia. 
A nova edición dos Trens Turísticos de Galicia mantén as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –en ámbolos dous ríos, Sil e Miño-, Ribeiro e Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplica as súas saídas nesta edición.
En total, os viaxeiros poden desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que farán un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias.

 

Nova oficina
Os Trens Turísticos de Galicia contan cun novo punto de información en Santiago para a venda de billetes, unha oficina situada na entrada museística do Mosteiro de San Martiño Pinario. O horario deste punto de información en tempada baixa é de 11,00 a 14,30 horas e de 15,30 a 19,00 horas de luns a venres. O sábado de 11,00 a 15,00 horas. Durante a tempada alta –de xuño a outubro- o horario ampliarase de 10,00 a 14,30 e de 15,30 a 20,00 horas de luns a venres e os sábados será de 10,00 a 15,00 horas.

O novo goberno de Lalín considera o Conservatorio unha prioridade

As concelleiras reuníronse coa directiva deste centro e transmitíronlle tranquilidade.

> Redacción

As concelleiras Paz Pérez Asorey e Begoña Blanco Blanco mantiveron nos primeiros días no seu cargo no novo goberno de Lalín un primeiro encontro coa xunta directiva do CMUS Profesional de Lalín para analizar a situación actual do Conservatorio. Neste contacto inicial as concelleiras transmitiron ao persoal do Conservatorio unha mensaxe de tranquilidade, posto que o CMUS Profesional de Lalín é unha prioridade para o novo goberno. 
Neste sentido as representantes municipais indicaron que tentarán non só resolver as eivas que se rexistran nese momento, senón tamén buscar o xeito de potenciar e recuperar a actividade deste Conservatorio que foi punteiro en Galicia.
Ao respecto explicaron aos directivos do Conservatorio que unha das primeiras consultas que se fixeron á Intervención Municipal foi a relativa á inexistencia de profesores de trompa e trompeta e a procura dunha solución inmediata que permita resolver o problema, mentres o Padroado non conte cunha Relación Postos de Traballo (RPT) que permita dotar a este centro municipal de todos os mestres e do persoal necesario para o seu correcto funcionamento. 

 

Vindeira xuntanza
As concelleiras emprazaron aos técnicos do Conservatorio a unha xuntanza en vindeiras datas para concretar o resultado das consultas realizadas ante a Secretaría e a Intervención Municipal e as posibles solucións para rematar un problema que se reproduciu con continuidade nos dous últimos anos sen que fose posible atopar unha solución.
Blanco e Pérez explicaron que a solución ideal é a de elaborar unha RPT cos postos necesarios, pero é unha saída a medio prazo polo tempo que implica a realización deste documento, co que se necesita unha solución a máis curto prazo, e que buscarán o máis axiña posible.
Así, as representantes municipais estarán en contacto coa directiva do Conservatorio e manterán unha nova reunión con eles, así como cos pais dos alumnos afectados para explicarlle a solución adoptada a curto prazo. 

> Lalín |Abril 2019

Crespo reivindica ao PP como “a única opción que pode ofrecer un goberno estable e unido”

O PP aposta por unha lista moi renovada e equilibrada entre rural e urbano.

> Redacción

Oito serán as listas que opten a obter representación na corporación municipal de Lalín nos comicios do 26 de maio. Ademais das cinco que conforman a actual corporación (PP, PSOE, BNG, CXL e APAC), tamén concorrerá o CCD do concelleiro non adscrito Juan José Cruz, a lista de Ciudadanos e a lista do PAYJ. A primeira das listas en rexistrarse ante a Xunta Electoral de Zona foi a do PP, liderada por José Crespo. 
Ante a proliferación de candidaturas, na presentación da lista popular, José Crespo, sentenciou que “a candidatura do PP é a única que pode conformar un goberno estable e unido para gobernar Lalín”. Unha candidatura popular “equilibrada entre mulleres e homes e entre rural e urbano” na que hai unha “moi importante renovación”, apuntou o candidato popular.
Crespo explicou que nos 11 primeiros postos da candidatura figuran seis mulleres e cinco homes e na totalidade da candidatura hai 16 homes e 11 mulleres. Dos 31 membros que conforman a candidatura 8 son do casco urbano e o resto repártense por todas as zonas do rural. Ademais, dos 31 veciños que conforman a lista dos populares, 20 figuran por primeira vez nunha lista electoral, o que supón unha renovación do 65% nos nomes que conforman a candidatura con respecto a de fai catro anos.

Lista do PP
1. José Crespo Iglesias (59 anos), natural de Xaxán.
2. Begoña Blanco Blanco (33 anos), natural de Cercio. Psicóloga e ex-xogadora de rugby.
3. Bernardino Seijas Varela (50 anos), natural de Lalín. Fotógrafo
4. Eva María Montoto Méndez (28 anos), natural de Losón. Enfermeira, presidenta de Novas Xeracións e concelleira na corporación de Lalín.
5. María del Carmen Fernández Lamela (46 anos), natural de Barcia. Comerciante e ex-directiva de comercio na AED.
6. María Paz Pérez Asorey (50 anos), natural de Cercio. Socióloga e experta en Servizos Sociais, funcionaria e concelleira na corporación municipal de Lalín.
7. Cesáreo Reboredo Rozas (59 anos), natural de Prado. Técnico electrónico.
8. José Cuñarro Torres (35 anos), natural de Botos. Xerente empresa Alcongal e presidente de Cabaleiros de Lalín.
9. Avelino Souto Rozados (20 anos), natural de Barcia. Gandeiro e campeón de Europa de Xóvenes Manexadores. É vicepresidente de Novas Xeración de Lalín.
10. María Álvarez Paz (64 anos), natural de Lalín. Mestra xubilada e concelleira en Lalín.
11. Raquel Lorenzo Fernández (35 anos), natural de Vilatuxe. Administrativa, secretaria da Asociación de veciños de Vilatuxe e ex-presidenta do Vilatuxe Clube de Fútbol..
12. Pedro Vilariño Prieto (32 anos), natural de Muimenta. Panadeiro, músico e presidente da Banda de Música de Muimenta.
13. María Carmen Canda Larroy (55 anos), natural de Barcia. Experta en temas agrarios.
14. Pablo Areán González (39 anos), natural de Lalín de Arriba. Arquitecto.
15. Ana María Lois González (42 anos), natural de Lalín. Licenciada en Dereito.
16. Emiliano García Méijome (49 anos), natural de Lalín. Hostaleiro e cofundador da Asociación de Camiños a Santiago por Lalín-Deza.
17. Alberto Villaravid Canda (31 anos), natural de Erbo. Operario sector frío industrial.
18. Manuel Payo Soengas (42 anos), natural de Alperiz. Carpinteiro e pedáneo da parroquia de Alperiz.
19. Piedad Reboredo Fernández (55 anos), natural de Donramiro. Traballadora residencia Nosa Señora As Dores. Directiva do Clube de Atletismo de Lalín e da Asociación de Mulleres en Igualdade de Donramiro. É a actual pedánea da parroquia de Donramiro
20. María José Senande Méijome (43 anos), natural de Bermés. Mestra e pintora. Concelleira en Lalín
21. Román Rodríguez González (50 anos), natural de Sello. Conselleiro de Cultura e Turismo.

Suplentes
1. Ana Belén Alvarellos Campos (43 anos), natural de Lalín. Técnica de Laboratorio.
2. José Luis Mosquera Fuentes (40 anos), natural de Caracas. Enxeñeiro electrónico.
3. María Jesusa Rodríguez Fernández (58 anos), natural de Prado. Gandeira.
4. María del Carmen Abeledo López (59 anos), natural de A Xesta. Gandeira.
5. Antonio Fernández Fernández (57 anos), natural de Catasós. Carpinteiro.
6. Alberto Vence Méndez (35 anos), natural de Alvarellos.
7. Patricia Pájaro Lamas (31 anos), natural de Lalín. Auxiliar gardería.
8. José Antonio Varela Quintela (40 anos), natural de Lalín. Funcionario.
9. María Fé Ramos Castro (63 anos), natural de Lalín. Funcionaria.
10. Javier Blanco Carballal (43 anos), natural de Cercio. Subdirector xeral Agader. n

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Arenal 1 Entrechán - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es

O Periódico | Lalín e Comarca en redes sociales :