> Dozón |Marzo 2021

O Concello de Dozón ultima a instalación das illas de contedores para activar a recollida selectiva

Adolfo Campos pide que “toda a veciñanza tome conciencia”

> Redacción

O Concello de Dozón finalizará a comezos deste mes de abril a instalación das novas illas de contedores de lixo para, a continuación, completar a implantación da recollida selectiva tras reestruturar cos operarios municipais e coas empresas externas correspondentes as quendas e rutas de baleirado dos contedores.

Este proceso de despregue dos contedores efectuouno nas últimas semanas a brigada municipal, polo que, ao ter que alternar esta tarefa con outros cometidos, dilatouse un pouco máis do previsto. O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, sinalou ao respecto que “na maior parte dos lugares a creación das illas de contedores requiriu a preparación dunha base, o que motivou que estes traballos se prolongasen algo máis do inicialmente previsto”.

 

Compromiso de goberno

O rexedor local fixo fincapé no feito de que a activación da recollida selectiva era “un dos compromisos asumidos polo goberno local” e salientou a importancia de que “toda a veciñanza tome conciencia de que o bo funcionamento da recollida selectiva dependerá do comportamento particular de cada cidadán á hora de separar responsable e axeitadamente os diferentes tipos de residuos”. Con tal motivo, o goberno local distribuíu en días pasados folletos explicativos en todos os fogares para que cada veciño/a dispoña da información necesaria para clasificar e separar os residuos. Por último, o rexedor local lembrou tamén que aqueles veciños/as que desexen solicitar composteiros individuais deben dirixirse ao consistorio para posteriormente realizar unha petición conxunta á Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza.

 

Mellora de viais e saneamentos

Por outra banda, o Concello de Dozón tamén acometeu recentemente outras actuacións de mellora no polígono industrial. Concretamente, no exercicio de 2020 realizou un investimento de 162.000 euros para o acondicionamento de viais e saneamentos. 

O goberno local a piques de rematar as bases para licitar os espazos dispoñibles no Viveiro de Empresas

Campos confía en que a nova instalación estea ocupada e operativa antes do verán

> Redacción

O Concello de Dozón activará nas vindeiras semanas o proceso administrativo para poñer en marcha un dos proxectos relevantes do actual mandato, como é o novo Viveiro de Empresas situado no Polígono Industrial de Dozón.

As instalacións deste viveiro, que constan de dúas naves independentes de 240 metros cadrados de superficie, supuxeron un investimento de 278.000 euros, dos cales o 80% aportouno a Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o 20% restante achegouno o concello con fondos propios.

Unha vez rematadas as obras de construción, o goberno local aprobou no pleno do pasado mes de febreiro a ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola utilización dos espazos dispoñibles no viveiro, que estableceu un custo mensual de 0,40 euros por metro cadrado de superficie útil, cantidade á que debe engadírselle o IVE correspondente. A maiores desta taxa polo aluguer durante o período de concesión, os adxudicatarios das naves deberán asumir os gastos polo subministro de auga, a recollida de lixo, o consumo de enerxía eléctrica, as comunicacións telefónicas e calquera outro custo de material de oficina ou servizos de comunicación.

 

Prazos

O alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, manifestou a súa intención de que este novo Viveiro de Empresas “poida estar ocupado e plenamente operativo antes do verán, se a situación derivada da pandemia non dilata os prazos previstos”.

“Desde o goberno local establecemos unhas taxas de aluguer por debaixo dos prezos medios do mercado e tamén por debaixo doutros viveiros semellantes existentes na contorna, como é o caso de Lalín. O noso obxectivo é favorecer o emprendemento e darlles as máximas facilidades posibles aos impulsores de proxectos empresariais preferentemente industriais e/ou produtivos que contribúan a xerar postos de traballo e, en consecuencia, riqueza no noso municipio”, subliñou. Neste senso, o rexedor local explicou que as dúas naves independentes dispoñen de zona de oficinas, espazo de servizos e área de produción, polo que “son válidas para proxectos empresariais de múltiples sectores, coa vantaxe competitiva engadida de estar situadas moi preto da AG-53 e practicamente equidistante de Santiago e Ourense, cunha saída óptima cara a Meseta”. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Arenal 1 Entrechán - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es