> Agro |Decembro 2017

UU.AA pide unha moratoria no novo decreto de puríns

A maquinaria para adaptarse á norma custa entre 12.000 e 30.000 euros.

> Redacción

O vindeiro 1 de xaneiro entra en vigor o Decreto 988/2017, que regula anteriores normas da aplicación da Política Agraria Común (PAC) e unha das novidades que incorpora é que non poderá botarse o purín cos sistemas actuais de prato, canón nin abano. A nova norma obriga a empregar neste proceso inxectores que enterran o abono e emiten menos gas metano a atmósfera, para rebaixar os gases do efecto invernadoiro. O Ministerio de Agricultura publicou o decreto no BOE o mes pasado e o seu desenvolvemento é competencia das comunidades autónomas. Por iso dende Unións Agrarias agardan que as comunidades máis afectadas fagan unha fronte común para conseguir unha moratoria e evitar así sancións por incumprimento. Segundo o secretario comarcal de UU.AA, “non estamos en contra da norma, senón das formas”. Román Santalla explicou que “este cambio se fixo sen ningún tipo de comunicación ao sector, de xeito que si os afectados queremos cumprir co novo sistema dende xaneiro, será imposible porque non haberá aparatos para todos”. 

 

Moratoria e axudas
Dende UU.AA explican que estes novos aplicadores de purín teñen que levar un sistema de trituración para materiais que soen mezclarse co abono, coma a palla. O prezo destes instrumentos oscila entre os 12.000 e os 30.000 euros, e ademais o sindicato destaca que esta maquinaria non é moi frecuente no mercado. Por iso Santalla agarda que a conselleira de Medio Rural convoque un encontro co sector, no que o sindicato exporá a necesidade de poñer en marcha unha mesa de negociación, e mentres tanto é precisa unha moratoria de transición ata o ano 2020, ademais de habilitar unha liña de axudas que permita aos gandeiros adquirir estes novos sistemas. O perigo deste novo decreto é que si os gandeiros non cumpren coa nova normativa, poderían non cobrar a PAC o vindeiro ano. A norma contempla a posibilidade de que as comunidades autónomas apliquen excepcións en determinadas zonas, atendendo a características relacionadas coa súa orografía ou co clima. 

Medio Rural pedirá ao Mapama unha moratoria e excepcións para Galicia na aplicación das novas normas sobre uso de xurros

Ángeles Vázquez anuncia reunións con outras comunidades afectadas para facer fronte común.

> Redacción

A Consellería do Medio Rural trasladará ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) a necesidade de implantar un período de transición e diferentes excepcionalidades para Galicia na aplicación da normativa sobe xurros nas superficies agrícolas. 
Ademais de pedir unha moratoria, a Xunta demandará ao Goberno Central que teña en conta as especificidades de Galicia á hora de desenvolver esta lexislación. Estas excepcións solicítanse en función do sistema de explotación, para as granxas en extensivo, por orografía e edafoloxía, polas condicións do clima, por tamaño das explotacións e a súa dispersión e por motivos socioeconómicos.
No caso da orografía, lémbrase que unha porcentaxe importante do solo agrario útil de Galicia localízase en zonas de alta montaña ou con limitacións naturais. A pendente nalgunhas destas áreas faría imposible practicar o aboado tal e como establece a normativa.
Canto á edafoloxía, indícase que boa parte da nosa comunidade caracterízase por terreos de montaña pedregosos que impedirían a inxección do xurro. Pola climatoloxía, ponse de manifesto que Galicia é unha rexión con precipitacións elevadas durante períodos prolongados, que limita o tempo dispoñible para os labores agrícolas e que condiciona o acceso ás superficies e as prácticas de aboado.

 

Minifundismo
Con respecto ao tamaño das explotacións e a súa dispersión, destácase o predominio do minifundismo en granxas pequenas e medianas, que constitúen o 80% do total, e que o emprego de novos sistemas require potencia e maniobravilidade, algo inviable en moitos casos. Por último, por razóns socioeconómicas, sinálase que a normativa obrigaría a realizar novos investimentos, por carecer desta maquinaria específica de aplicación de xurros e que require ademais, en moitos casos, tractores con maior potencia.
Estas xestións diante do Ministerio súmanse as reunións que a Xunta está a manter con outras comunidades autónomas –tales como Castela e León, Cantabria e Asturias– para contrastar posturas e ver en que medida lles vai afectar ás súas explotacións a nova normativa, co fin de buscar un consenso e estudar posibles excepcións a estas prohibicións, que van condicionar os pagos directos da vindeira PAC 2018. 

As explotacións con control leiteiro terán maior puntuación nas axudas para plans de mellora de 2018

O prezo do leite segue a subir en Galicia e acada os 31,7 céntimos.

> Redacción

A Consellería do Medio Rural primará a aquelas explotacións gandeiras que conten con control leiteiro na próxima convocatoria de axudas para plans de mellora e novas incorporacións ao agro. Deste xeito atende unha petición das asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) de Galicia. Así o anunciou este mes a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. As explotacións incorporadas ao control leiteiro das africores obterán máis puntos na valoración para o reparto destas achegas, de forma que terán tamén máis posibilidades de recibir maiores importes. Engadiu que a incorporación das granxas ao control leiteiro é un beneficio para todo o sector, xa que redunda nunha mellora da calidade do produto e da xenética dos rabaños. A Consellería do Medio Rural apoia o traballo que realizan as africores e Fefriga mediante diferentes achegas, que ata o ano 2020 superarán os 5 millóns de euros.
Aporta ata un máximo de 2,6 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza frisona. Ademais, a consellería ten asinado un convenio co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) para asumir o custe das analíticas de control leiteiro. O acordo para as anualidades 2017-2020 é de 1,8 millóns de euros.
Así mesmo, Medio Rural mantén unha colaboración con Xenética Fontao que tamén favorece as africores en materia de mellora xenética do gando. Está asinado para as anualidades 2015 a 2018 por un importe total de 600.000 euros. 
Fefriga e as africores contan na actualidade con 2.800 explotacións inscritas en control leiteiro e no libro xenealóxico da raza frisona. 

 

Prezo do leite
O prezo do leite cru segue a subir en Galicia acadando unha media de 31,7 céntimos por litro durante o pasado mes de outubro, segundos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). A media española é superior á galega, con 32,8 céntimos por litro. É o valor máis alto dende xaneiro de 2015. O pasado mes de outubro contabilizáronse en Galicia 8.117 gandeiros con entregas, que son 359 menos dos que había a comezos de ano.

Medio Rural avanza coa Fegamp o reparto do futuro Plan marco de mellora de camiños municipais

Este programa está dotado de 16 millóns de euros para o período 2018-2019.

> Redacción

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, reuniuse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e demais membros da xunta de voceiros deste organismo para avanzar no deseño e execución do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal para o período 2018-2019. Na xuntanza participou tamén a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.
Este plan está dotado cuns 16 millóns de euros no referido período e a intención da Xunta é buscar o máximo consenso posible cos concellos e os seus representantes na devandita Federación para o reparto destes fondos, partindo sempre de criterios obxectivos.
Así, unha vez feitas as asignacións fixas por concello e por habitantes e entidades de poboación, realizarase unha ponderación atendendo a coeficientes como a superficie de cada municipio, o grao de despoboamento e envellecemento da súa poboación e a súa agrariedade. Neste último caso utilizaranse baremos como a relación entre a superficie total do concello e a das súas explotacións agrogandeiras, o número de explotacións en relación coa poboación rural, os traballadores do agro sobre o total de habitantes do rural e a maquinaria agrícola en propiedade posta en relación coa poboación do agro.

 

Aumento das contías
Primaranse, así mesmo, os proxectos de xestión compartida e os procesos de fusión municipal, en aplicación dos criterios aplicables ás subvencións para entidades locais aprobadas no seu día polo Consello da Xunta, cun incremento do 50% das contías correspondentes.
Nesta xuntanza de traballo, o director da Agader puxo de manifesto que as infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo no medio rural. Así, salientou que por unha banda facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio e, por outra, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Arenal 1 Entrechán - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es

O Periódico | Lalín e Comarca en redes sociales :