> Agolada|Febreiro 2024

Agolada contra Altri: queren captar auga en Portodemouros e verquer en O Sexo

A veciñanza presentou máis de 130 alegacións a Augas de Galicia a pesares da falla de información do Concello

> Redacción

A veciñanza de Agolada vén de respostar de xeito contundente ao proxecto da fábrica de Altri en Palas de Rei, os 218 propietarios afectados pola canalización de auga dende o encoro de Portodemouros cara Palas de Rei, teñen presentado maioritariamente alegacións contra as pretensións da empresa e de Augas de Galicia. Altri quere coller ao día 46 millóns de litros de auga en Portodemouros, e pretende ocupar estes 218 predios que serán expropiados nun caso e noutros Terán enriba unha servidume de 10 metros. Os veciños e veciñas de Agolada plantáronse diante do que consideran “un abuso” e veñen de presentar máis dun cento de alegacións contra o proxecto.

 

O proxecto da captación de auga que Altri quere facer no encoro de Portodemouros debería ter estado no Concello de Agolada a exposición pública dende o pasado 20 de decembro, pero foron moitos os veciños e veciñas afectadas que foron ao concello nestes meses a mirar o proxecto e non houbo tal exposición pública, o Concello de Agolada negoulle estes dereitos aos veciños e veciñas afectados, que veñen de reclamar a Augas de Galicia que abra outros 45 días de exposición pública, algo que que teñen dereito e que o Concello lles negou.

 

A pesares desta ocultación por parte do Concello, os veciños e veciñas afectados pola intención de Altri de coller auga de Portodemouros a razón de 46 millóns de litros ao día, e devolver 30 millóns de auga contaminada na parroquia de O Sexo diarios, recibiu a resposta masiva e organizada a veciñanza, informada a través da Plataforma Ulloa Viva contra Altri. Este movemento veciñal traduciuse en máis dun cento de alegacións dos propietarios dos predios e veciños afectados por un proxecto que suporá para a zona a instalación dunha fábrica de celulosa cunha superficie que multiplica por dez a de Ence na Ría de Pontevedra, co que eso supón de multiplicar tamén a contaminación e afectación nun territorio que ademais forma parte da Rede Natura 2000 da Xunta de Galicia.

 

Sen información no Concello

Os propietarios das 218 fincas afectadas en Agolada polo proxecto de Altri de canalización de auga cara á futura fábrica de Altri en Palas, non pudieron contar coma establece a lei coa axuda, información e asesoramento que lle compete ao seu concello. O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado 19 de decembro de 2023 o comezo da exposición pública do proxecto para abrir o prazo legal de alegacións para os afectados. Mentres outro concello afectado coma Santiso abría unha oficina de información e asesoramento para os cidadáns, o Concello de Agolada negouse a recibir aos membros da Plataforma que acudiron este mes de febreiro a reunirse coas autoridades locais e mesmo negou aos veciños e veciñas que o solicitaron, o acceso á documentación oficial de Augas de Galicia para realizar alegacións ao proxecto de Altri.

 

A veciñanza de Agolada tomou medidas ao respecto, e foi a Plataforma cidadá a que tivo que asesorar a veciños e veciñas de Agolada para que finalmente poideran defender os seus dereitos e alegar contra unha captación de augas que, non só pon en perigo o abastecemento acuífero da zona, senón que suporá que os verquidos contaminados da fábrica de Altri en Palas rematen en balsas de auga na parroquia agoladende de O Sexo e mesmo contaminen os recursos hídricos que dende o Ulla chegan a máis de 10 concellos e 140.000 habitantes na zona norte arredor de Santiago e mesmo aos bancos marisqueiros da Ría de Arousa.

Os veciños e veciñas de Agolada afectados por esta canalización de auga cara á planta de Altri finalmente e a pesares dos atrancos do Concello “e sen axuda de ningún partido político a nivel municipal”, segundo destacou a voceira da Plataforma, foron quen de presentar en tempo e forma as súas alegacións e mesmo reclaman agora a Augas de Galicia que xa que o Concello de Agolada non cumpriu co periodo legal de exposición pública, se volte a establecer 45 días para que os veciños e veciñas estean informados e aleguen ao respecto.

 

Os veciños e veciñas afectadas, que acudiron a unha reunión este mesmo mes de febreiro na parroquia de O Sexo, criticaron a desinformación ao respecto deste proxecto, todos eles descoñecían a afectación nas súas terras das canalizacións que Altri demanda para levar de Portodemouros o caudal ata a planta en Palas de Rei. De feito, destas 218 fincas afectadas moitas serán expropiadas e otras sufrirán servidumes de entre 6 e 20 metros coa posta en marcha desta actuación. 

Contacto

Director Xerente: Manuel Núñez Fiuza

Deseño e maquetación: Bearisa
Colaboradores: Iago Mouriño, Bartolo Landiño, Tomás Troitiño,
David Devesa, Luis Lince, Pedro Carrio, Manuel Estévez e González Bearisa.

Administración-Publicidade: Rúa Calzada 11, 4º B - Lalín.
Tlf.: 986 780 615986 780 615 • Fax: 986 780 615 • Móvil: 625 120 810625 120 810
e-mail: manuelfiuza@gmail.com

 

www.lalinecomarca.es